A XUNTA DE GALIZA ESCENIFICA O SEU DESINTERESE POLO AGRO GALEGO RECORTANDO AS AXUDAS PARA A PRODUCIÓN DE CARNE EN EXTENSIVO CON RAZAS AUTÓCTONAS.
Amosa a sua insensibilidade e desprezo cara métodos sustentáveis de explotación da terra, as razas própias do País e a perda de renda das explotacións cárnicas de montaña.
Lalin, 19 de Xaneiro de 2010
Esta liña de axudas estabeleceuse por unha orde da Consellaria do Medio Rural publicada en Abril de 2008, motivada por distintos argumentos: Adecuar as axudas à filosofia da nova PAC, que falaba de focar a produción agro-gandeira cara modelos mais respeitosos co medio ambiente e ao aproveitamento dos recursos naturais, ademais de satisfacer a demanda dos/as consumidores/as de produtos mais sanos e naturais.Tamén se buscaba promocionar o uso e a mellora racial do gando autóctono fomentando a sua utilización en sistemas extensivos. E finalmente, e o que pode ser mais importante sobre todo desde o ponto de vista económico das explotacións, fomentar e axudar a desenvolver unha gandeiria baseada no pastoreo, no aproveitamento dos recursos própios das explotacións que revirte, por unha banda, nunha maior rendabilidade para os gandeiros e gandeiras e que ademais contribue a manter e conservar os ecosistemas do rural, evitando que fiquen no avandono, e, na maioria dos casos, previndo incendios forestais, xa que esas actividades desenvolvense maioritariamente en zonas de monte.
A estas axudas concurriron un bo número de explotacións, non todas as que podian ser beneficiárias, mais era a primeira pedra cara a desenvolver e promocionar este tipo de actividades.
Pois ben, xa na aprovación da primeira convocatória destas axudas xurdiu o primeiro conflito ao ficar un bó número de solitantes fóra por un erro na interpretación dos prazos de apresentación da solicitude. Tentou-se negociar coa Administración unha saída a eses expedentes (mais de caen), mais recebeu-se a calada por resposta, e malia ter apresentado un bó número de recursos a ese proceso de adxudicación das axudas, a dia de hoxe a Consellaria de Medio Rural encabezada por Juarez non contestou a ningun.
Pero o que non agardavamos é que se utilizara ese erro administrativo para tentar eliminar esa liña de axudas. Asi, cando a Consellaria voltou quitar a Orde en Xullo de 2009, apresentou-na como a renovación do compromiso adquirido pola orden anterior, o cual xa facia pensar que poidera dificuldar a incorporación de novas explotacións a esta liña.
Logo de seis meses de apresentar a solicitude, o malestar xeralizouse, xa que a ninguen lle chegaba a carta resolvendo ou non a solicitude.Pero non foi até o 11 de Xaneiro deste ano que a Consellaria publicou no DOG, con nocturnidade e alevosia, duas listas: unha de expedentes aprovados, e outra de expedentes non aprovados. Asi, de un total de 1161 solicitudes aceitaron-se 821 e deixaron fora nada menos que 340: o 30 % das solicitudes. E non se empregou somentes a excusa de que algunha das solicitudes non supuñan unha renovación, xa que os recursos apresentados por mor das denegacións das solicitudes de 2008 ainda non foron respostados: deixan-se fóra un número importante de solicitudes de explotacións que foron beneficiárias da axuda na primeira convocatória, que cumplian os requisitos para ser beneficiários, e que aparecen no listado de non aprovados en base a argumentos falsos como superar a carga gandeira ou non ter o número suficiente de autóctonas. Polos contactos que xa estabelecimos coa administración, non se van correxir os erros na adxudicación das axudas: vaise tirar para diante e deixar definitivamente fóra desta liña o total dos expedentes denegados, independentemente que a Xunta cometer un erro, intencionado ou non (parede que intencionado) para recortar esta liña. De feito recortou-se o total dos cartos da axuda à cuarta parte respecto à partida habilitada en 2008.
Polo cálculos realizados polos servizos técnicos de FRUGA estamos a falar de ao redor de UN MILLON CINCOCENTOS MIL euros que as nosas explotacións deixarián de ingresar.
Resposta da FRUGA.
Para FRUGA resulta escándaloso que non se informe persoalmente aos e às solicitates de estado da sua solicitude, tal e como viña sendo habitual, e se empregue o DOG, xa que non é habitual que os gandeiros a e gandeiras consulten diariamente o dito Diário para ver como van as suas solicitudes perante a Administración.
É por isto que desde a Federación estamos a iniciar unha campaña de apresentación de recursos individualizados, recursos que teñen que ser apresentados antes do 30 de Xaneiro, polo que facemos un chamamento a todos os afectados e afctadas a reclamar os seus direitos, para o que lles brindamos a nosa colaboración e asesoramento.
Ademais nestes momentos o noso Gabinete Xurídico está estudando demandar via xudicial à Administración Autonómica.
Non menos grave é o desprezo cara às razas própias do País, xa que a maior parte delas, se non é por este tipo de axudas fican en clara desventaxa con outras razas de maior rendemento cárnico, polo que se está a por en perigo parte do noso patrimonio cultural e da riqueza xenética da nosa cabana gandeira.