Afecta a catro das comarcas com maior vocación leiteira de Galiza.
A Conselleria do Médio Rural non fixo tampouco nengunha xestión para modificar esta situación discriminatoria.
Compostela, 26 de Marzo de 2010.- Nos últimos dias estase a debater en diferentes concellos galegos, principalmente no Xallas, Barcala, Ferrol Terra e a Mariña unha moción na que se insta aos Gobernos municipais a que inicien as accións oportunas co fin de que a Xunta de Galicia reconduza as bases da convocatoria das axudas da PAC para este exercicio. Os autores evitan dicer que a convocatoria das axudas da PAC é competencia exclusiva do Ministerio, encargado de regular estas axudas, e non da Conselleria. Con esta cortina de fume téntase confundir ao sector a respeito de quen é o responsábel de marxinar, outravolta, às explotacións galegas de leite, que, como ben sabe a opinión pública, están a atravesar unha complicada situación motivada pola baixada incesante de prezos.
Unha axuda insuficiente.
Na elaboración da nova proposta de pagamento da PAC, o MARM propuxo por en marcha distintos programas de apoio sectorial para determinadas producións con dificultades específicas. Así, para o sector cerealístico, centrado fundamentalmente na meseta castelá, propuxose asignar 61 millóns de Euros, e para o sector leiteiro, do que Galiza é máximo expoñente no Estado e que está a atravesar a situación mais complicada da sua história, apenas 40 millóns. Con esta escasa partida, o Ministerio dirixido por Elena Espinosa decide acoutar o acceso a esta axuda só às explotacións situadas en Zonas Desfavorecidas e de Montaña, consideración que teñen unha boa parte dos concellos do País, pero non todos.
É rechamante tamén a achega económica ao sector cerealístico nun intre de alza dos prezos dos insumos das explotacións leiteiras, principalmente, dese cereal destinado ao consumo animal, algo que non vai redundar, precisamente, nunha baixa dos prezos das racións animais.
Podíanse utilizar outros criterios.
Para o reparto destas axudas, o chamado “exame de saúde” da PAC permitía utilizar outros criterios que non marxinaran ás explotacións galegas dependendo do concello no que estean radicadas. Así existía a posibilidade de habilitar unha dotación específica para explotacións que tiveran que realizar no pasado investimentos para poder viabilizar a sua actividade (adquirindo cuota láctea, subscribindo planos de mellora, por exemplo), e que abranguería à práctica totalidade das explotacións leiteiras do País. Nesta cuxuntura tampouco a Consellería do Medio Rural, dirixida por Juarez, dixo ou fixo nada, mirando para outro lado e facendo, novamente, deixazón das súas responsabilidades.
Tomadura de pelo.
Para a Federación Rural Galega esta campaña non é mais que unha nova tomadura de pelo por parte de aqueles que, tendo responsabilidade na marcha do sector, non teñen nengun escrúpulo en falsear a realidade e buscar réditos de tipo partidario, evitando criticar a actitude de aqueles que logo non teñen vergoña en traer aos seus encontros e congresos para darlles os perceptivos “baños de masas”, cando son responsábeis dunha nova marxinación da Galiza e da discriminación de 3000 explotacións, o 25 % das que aínda fican no País, repartidas pola nosa xeografía.
Posición da FRUGA
Desde a FRUGA solicitamos que a Consellería de Medio Rural poña os medios necesarios para solucionar o problema criado polo Ministerio neste ano 2010.
De cara a 2011 demandamos que o próximo Real Decreto que regula as axudas da PAC sexa modificado de tal maneira que ningunha explotación láctea sexa discriminada pola súa localización xeográfica. Así FRUGA propón a creación dun Fondo Lácteo con dotación orzamentaria suficiente, destinado a melloras a viabilidade das explotacións e preparar ao sector lácteo para un posíbel horizonte de liberalización da produción.