O DESINTERESE DAS ADMINISTRACIÓNS E A PASIVIDADE DOS SINDICATOS MAIORITÁRIOS POÑEN ÁS EXPLOTACIÓNS LÁCTEAS GALEGAS NO FIO DA NAVALLA.

Cúmprense dez meses da sinatura do “acordo para a estabilidade do sector lácteo.” sen que nen uns nen outros foran capaces de conseguir a súa execución.

Lugo, 18 de Maio de 2010.- Con data 20 de Xullo do ano 2009 asinouse un acordo no cal estaban presentes os principais sindicatos de ámbito estatal, e polo tanto as súas sucursais na Galiza, XXAA e UUAA, ademais da Fenil. Tal acordo foi ratificado polo secretario de Estado de Medio Rural e Auga, Josep Puxeu. Entre as medidas asinadas en dito documento, estaba a fixación dun prezo de referencia para o sector lácteo mediante un sistema de indexación (que tomaba como referencia o prezo francés), algo que debería sustentarse na sinatura de contractos homologados entre o sector produtor e a industria.

Segundo aquel acordo, o prezo medio actual en Galiza roldaría os 0.31 euros litro, tendo en conta que na actualidade o prezo cobrado polos gandeiros franceses esta entre 0.28 euros e 0.29.
A realidade é ben diferente: a día de hoxe os productores e productoras galegos, lonxe de mellorar, estamos a sufrir unha baixada de prezos de 3 céntimos de media en relación co ano 2009. Segundo dados actuais o prezo medio do leite está en 0,28 euros fronte os 0.31 do ano anterior. O sector lácteo atravesa unha forte crise como consecuencia desta baixada de prezos, que pon en perigo a viabilidade de moitas explotacións galegas, que nos últimos anos se viron abocadas ó endebedamento como consecuencia dun proceso de modernización de instalacións, compra de cuota e outros gastos.

Ademais non se viron avances significativos na regularización das relacións comerciais entre as partes (produtores/as e industria), xa que a industria segue reticente á sinatura de contractos que estabilicen o sector.

Por tanto a situación de indefensión do sector é responsabilidade directa tanto dos que asinaron o acordo para deixalo esquecido nun caixón, como de aqueles/as que irresponsabelmente evitan participar na toma de acordos para conseguir un futuro esperanzador para as explotacións leiteiras galegas, postura, que dúbida cabe, cómoda  mais igualmente irresponsábel.

Tamén e mais que criticábel a actitude da Consellaría do Medio Rural, ausente novamente nun intre crucial para o futuro do sector leiteiro galego, esquecendo que ten a responsabilidade de defender o medio de vida de milleiros de familias do medio rural, xa que Galiza segue a ser, malia o descenso da produción na última campaña, o principal produtor de leite do Estado.

POSICIÓN DA FRUGA

Dende a Federación Rural Galega, consideramos positivo todo tipo de acordo destinado a dar unha certa estabilidade a este sector. Mas estes acordos son para seren executados, e ter mais percorrido que a simples autocomplacencia dos seus asinantes. O contrario é rirse dos produtotes e produtoras, e buscar unha fuxida cara adiante cando a presión dos seus afiliados e afiliadas comeza a ser difícil de soportar. Así, tanto XXAA como UUAA deberan obrigar a cumprir dito acordo, do que a proprio Ministerio se apresurou en proclamar “garante” do seu cumprimento. Do contrario de que sirve asinar documentos se despois non hai capacidade para obrigar á súa execución e cumprimento? Outras organizacións prefiren ficar na utopía de demandar prezos de 0,42 ou 0,45 euros, o cal pode quedar moi ben de cara a galería, pero que no fondo delata a incapacidade de participar no debate real do sector, e a incapacidade de aportar solucións reais á grave crise que estamos a padecer.