O PP continua no seu empeño en desfacer todos os avances propiciados polo nacionalismo ao frente de Medio Rural.
Compostela, 4 de Xuño de 2010.- Un dos problemas máis graves que ten o Monte Galego é a estrutura da propiedade que non permite realizar, hoxe por hoxe, unha xestión racional e sustentábel dos seus recursos. A excesiva parcelación xunguida ao abandono limita a posta en valor do monte. O Monte Galego ofrece posibilidades múltiples: A madeira, o gando, os cogomelos ou a produción de mel, entre outros, supoñen unha porcentaxe importante do P.I.B galego, fomentan a creación e consolidación de emprego aportando ademais beneficios ambientais e tamén sociais.
As Unidades de Xestión Forestal supoñen a primeira iniciativa encamiñada a atallar o problema da propiedade nomeado anteriormente. A posta en marcha das Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), require tempo. Asimilar a idea e o funcionamento dun proxecto tan novidoso coa pretensión de arranxar un problema estrutural resulta complexo. Chegar a acordos encol das propiedades a incluír nunha UXFOR e os aproveitamentos a desenvolver neses predios, así como o traballo técnico para levalo a cabo é unha tarefa que non se realiza en, escasamente, dous anos. Así e todo, no primeiro ano da posta en funcionamento das UXFOR presentáronse 40 proxectos perante á D.X. de Montes, o que debe ser considerado un grande éxito do programa.
A Administración, do mesmo xeito que o fai para calquera outra figura de carácter asociativo, é a encargada de establecer e desenvolver o réxime fiscal necesario para as figuras que a propia Administración crea. As UXFOR neste sentido, non deberan supor problema algún.
As UXFOR constitúen unha figura de xestión conxunta dos terreos forestais. O lóxico é que as persoas que se integran nunha figura deste tipo decidan libre e democraticamente as actuacións a levar a cabo nos predios da súa propiedade. Non entendemos que se vexa un problema na participación activa dos propietarios e das propietarias na toma de decisións sobre as actuacións a realizar dentro da unidade de xestión forestal á que pertencen.
Cómpre sinalar que na actualidade varios son os procesos abertos de constitución de Unidades de Xestión Forestal. Nos vindeiros meses presentaranse varias solicitudes de creación de UXFOR diante da Consellaría do Medio Rural aportando a totalidade da documentación esixida no artigo 9 do Decreto 101/2008.
Finalmente debe destacarse a paralización experimentada na Consellaría do Medio Rural no que respecta á área de Valorización do Monte, onde se encadran os procesos de constitución das UXFOR. Desde o troco de goberno hai algo máis dun ano non se ten publicado ningunha liña de axuda e/ou fomento da xestión conxunta da terra, da implementación de proxectos innovadores. Ao tempo desartellouse o grupo técnico de apoio ás Unidades de Xestión Forestal co que contaba a Dirección Xeral de Montes, ficando desde entón paralizados administrativamente os procesos de constitución de UXFOR.