A Consellaría do Medio Rural suprime as políticas de prevención dos incendios forestais.

Compostela, 19 de agosto de 2010. Un ano máis, Galiza enfróntase á lacra dos incendios forestais. Despois dun inverno e unha primavera húmidos con temperaturas suaves, a biomasa
forestal presente no monte experimentou un elevado crecemento. As altas temperaturas e a falta de precipitacións rexistradas nas últimas semanas, xunto coa biomasa presente e a non realización de actuacións preventivas, contribúen a que o risco de incendio forestal sexa moi elevado. Se engadimos o despoboamento e abandono do medio rural o problema acada dimensións catastróficas.
Desgrazadamente nesta campaña temos que lamentar a perda de vidas humanas en relación aos incendios forestais. MONTEGAL súmase ás mostras de condolencia expresadas ás familias nos últimos días.
Mais o problema dos incendios forestais non se amaña tan só coa organización dun dispositivo de extinción nas épocas de alto risco. Os labores de prevención resultan imprescindibeis a par que de maior eficacia na erradicación dos lumes.
Ferramentas legais xa en vigor como a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza ou a Lei 7/2007 de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galiza non están sendo aplicadas pola Administración galega. Tal normativa incide na ordenación do territorio en xeral e dos aproveitamentos forestais en particular, facendo especial fincapé en solucionar o abandono dos predios agrarios. Unha mostra de deixadez política é a renuncia da actual Consellaría do Medio Rural a asinar convenios cos concellos para labores de limpeza co obxectivo principal da protección dos núcleos rurais.
Cómpre destacar a derrogación da figura das unidades de xestión forestal por parte da Administración. Poñer en valor o monte, elaborar un instrumento de xestión que inclúa un plan preventivo contra incendios e promover a xestión en común das propiedades constitúen os obxectivos principais das uxfor; aspectos que inciden positivamente na loita contra os incendios forestais.Aparellado á eliminación de medidas de carácter estrutural como as uxfor, e apoiándose nunha presunta política de austeridade orzamentaria, redúcense e denéganse as axudas a liñas preventivas, tales como a realización de rozas, podas, claras, que teñen unha influencia directa e clara na redución do número e intensidade dos incendios forestais. Suprímese a liña de subvención para a contratación de brigadas polas comunidades de montes veciñais en man común para a realización de coidados culturais. Que os proxectos de silvopastoreo deixen de ser auxiliabeis na política de desenvolvemento rural non fai máis que confirmar a cegueira do Goberno Galego cara á prevención dos lumes no monte.
O problema dos incendios forestais afecta a toda a sociedade galega e non pode ser solucionado sen a implicación activa e participativa desta. Programas como a creación de agrupacións veciñais de vixilancia forestal, nos que a poboación do rural organizada realizaba labores de vixilancia nos seus montes, ou a posta en marcha do Voluntariado en defensa do monte galego, máis orientado cara a poboación urbana, incidían de xeito positivo na concienciación social.
Unha vez máis asistimos ao desmantelamento por parte da actual Consellaría do Medio Rural do tecido de implicación social no monte. É máis, ocultando a realidade dos incendios forestais, tal e como decreta o Goberno Galego coa súa política informativa, non só se nega o problema, senón que ademais se impide a toma de conciencia social.