UN NOVO ATAQUE DO PARTIDO POPULAR AO MEDIO RURAL GALEGO: O ANTEPROXECTO DE LEI DA AUGA.

Compostela, 13 de Outubro de 2010.-

O Consello da Xunta de Galiza aprobou o pasado 27 de maio o proxecto da nova Lei de Augas, que neste momento está a debaterse no Parlamento galego. Preséntase esta lei como a ferramenta para acadar un consumo responsábel da auga, mais un mínimo estudo ao seu contido non amosa ningún aspecto de regulación e protección das augas, se non o desenvolvemento de dous novos impostos: o canon da auga e o coeficiente de vertido que substituirán ao actual canon de saneamento. Pódese afirmar que o único obxectivo do PP ao presentar este proxecto de lei é aumentar a capacidade recadadora da Xunta en base a unha enorme e inxusta subida de impostos sobre o uso e consumo da auga.

Esta subida vai afectar fundamentalmente ao consumo doméstico dunha maneira absolutamente desproporcionada. Todos os usuarios domésticos cun consumo medio e normal, ficarán dentro dos tramos máis elevados do novo canon, co que terán que afrontar a maioría dos fogares galegos subas que chegarán até 300 %. A maiores disto a afectación no medio rural galego é especialmente negativa e discriminatoria. Amosando un descoñecemento da realidade rural ou unha intencionalidade clara de avanzar na eliminación do mundo rural galego.

A AFECTACIÓN NO MUNDO RURAL É ESPECIALMENTE NEGATIVA E DISCRIMINATORIA:

No anteproxecto de lei elaborado polo PP suprímense as exencións actuais que tiñan en conta as peculiaridades e dificultades do medio rural. Na proposta de novo canon elimínase a exención que existía actualmente para os núcleos de menos de 2000 habitantes e tamén terán que pagar o novo imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento e que até este momento, e na aplicación do sentido común, estaban exentos do pago do canon de saneamento. O medio rural conta xa cunha moi ridícula dotación de servizos e infraestruturas públicas como para que se lle retiren as poucas medidas de discriminación positiva coas que se contaba. Isto non axudará máis que a incentivar o abandono do rural.

A maiores a nova lei pretende cobrar os novos impostos tamén a quen dispoña de pozo propio ou traídas veciñais e comunitarias de auga. Non atopamos ningunha razón, a non ser unicamente a recadadora, para pretender cobrar o consumo de auga a quen fixo co seu esforzo e capital un pozo ou aos veciños ou comuneiros que con gran esforzo se puxeron de acordo para entre todos, e moitas veces sen axuda de ningunha administración, dotar ás súas casas de traídas de auga, e para o cal tiveron que pedir os permisos e autorizacións pertinentes. Nestes casos son os propios usuarios os máis interesados en facer un consumo responsábel da auga, obxectivo declarado da lei, sen ter que aplicarlles este novo imposto para conseguilo. Os titulares dos pozos e traídas comunitarias están obrigados a instalar contadores homologados no prazo de seis meses, de non facelo poden ser multados con sancións que poden chegar aos 30.000 € e se lles cobrará o canon en base a estimación do consumo medio dunha vivenda.

En canto aos usos agrícolas e gandeiros da auga, en principio quedan exentos, salvo os que produzan contaminación ou os que produzan verquidos á rede de saneamento. No caso de ter a explotación conexión a rede pública de saneamento o pago do canón é ineludíbel e a calidade das augas terá que estar dentro dos marxees que marque a ordenanza municipal correspondente. Se non ten conexión a rede pública, caso máis frecuente nas explotacións galegas, queda a expensas das inspeccións pertinentes determinar ou non si hai contaminación, e polo tanto, si se ten que pagar o canon ou non. Ficando novamente o desenvolvemento da actividade agraria e gandeira na discrecionalidade administrativa e na inseguridade procedimental. Fican tamén pouco clarificados a situación dos usos tradicionais da auga para rego de brañas, prados e cultivos.

E por isto que a Federación Rural Galega-FRUGA esixe a retirada deste anteproxecto de lei, e a elaboración dun novo no que o medio rural galego non se vexa afectado dunha maneira tan brutal. Esiximos do Goberno Galego que se teña en conta a situación de abandono constante que se está a vivir no mundo rural, e polo tanto, se tomen medidas de discriminación positiva para intentar frear este proceso. Nese sentido é fundamental que se entenda a actividade agraria e gandeira como peza imprescidíbel para evitar este despoboamento e para garantir o futuro do rural galego, e polo tanto sexan consideradas actividades prioritarias a defender e potenciar.