A FRUGA E @S VETERINARI@S DE SEAGA MANIFÉSTANSE CONTRA A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO DE IDENTIFICACIÓN ANIMAL.

Mais de catrocentas persoas claman en Lugo pola continuidade dun servizo público que a Xunta pretende privatizar.

A FRUGA é a primeira organización dos labregos e labregas deste País en posicionarse e sair à rúa contra este novo atentado às nosas explotacións.

Lugo, 15 de novembro de 2010.– A FRUGA e o Colectivo de Veterinarios/as identificadores/as de gando bovino, ovino e cabrún de SEAGA  manifestáronse o pasado dia 10 polas ruas de Lugo en protesta pola supresión do servizo público de identificación animal e a sua privatización. Ao remate do acto solicitouse unha entrevista urxente co Conselleiro do Medio Rural coa entrega dun texto que reproducimos integramente a continuación:

AO SR. CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL

A Federación Rural Galega – FRUGA – e do Colectivo de Veterinarios/as identificadores de gando bovino, ovino e cabrún de SEAGA, con enderezo a efectos de notificación na Rúa París, nº 9-A, 5º, B, 157002 Santiago, en relación co decreto 183/2010 do 4 de novembro polo que se regulan as entidades identificadoras para a prestación de servizos de identificación do gando.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Nestes momentos, a maioría das identificacións estábase facendo a través dos veterinarios identificadores que acudían ás explotacións para lle poñer o crotal aos animais e ao mesmo tempo, para daren de alta os distintos movementos que se producían nestas explotacións como o nacemento, compra – venda ou morte dun animal.

A presenza dos veterinarios nas explotacións, en xeral, facilítalles moito o labor aos gandeiros, pois colaboran para anotar correctamente no libro de explotación e favorecen un control e seguimento moito máis rigoroso e axeitado, cuestións de suma importancia, dado que moitas das axudas europeas están directamente vinculadas á correcta identificación dos productos

Segundo o Decreto da Xunta de Galiza, os cambios implican o despedimento dos veterinarios encargados deste labor e suporá a supresión da visita dos veterinarios ás explotacións (só se achegarían a estas, no futuro, para facer inspeccións) quedando a identificación, rexistro e anotacións dos animais no libro de explotación, unicamente a cargo dos gandeiros, que deberían pasar a recoller as chapas na Oficina Agraria Comarcal e por tanto, limitando o asesoramento e o seguimento directo por parte da administración en todo este proceso. Tendo en conta o Decreto, a maioría das xestións administrativas terían que facelas os gandeiros a través dunha “Oficina Agraria Virtual” da Xunta, vía internet (inexistente na maioría do rural) ou telefonicamente.

Pero ademais, as modificacións que se propoñen van influír no sistema de control da sanidade animal. O sistema actual está recoñecido por todos os axentes do sector como unha das mellores garantías da sanidade animal e en consecuencia de seguridade da cadea alimentaria humana. Hai que ter en conta que o 90 % dos animais comisados nos matadoiros proveñen de comunidades autónomas nas que non existe o sistema de control de identificación e que calquera situación de dúbida podería provocar confusión e descontrol na calidade do noso mercado de carne.

Este Decreto vai no camiño de debilitar o sistema de seguimento e control público da sanidade animal, introducindo neste campo a xestión de entidades privadas, e que tan serias repercusións tivo e pode ter para a calidade da nosa cabana gandeira e en definitiva para garantir a calidade, trazabilidade e sanidade da carne que entra na cadea alimentaria.

Por todo o exposto

SOLITAMOS

Unha entrevista urxente co Conselleiro do Medio Rural, para abordar a problemática que está xerando as medidas recollidas no citado Decreto da Xunta de Galiza.

En Lugo a 10 de Novembro de 2010