A AFILIACIÓN DA COSTA DA MORTE VISITA A FACENDA ” O AGRO” EN CELANOVA

A visita forma parte do Curso de Agricultura e Gandeiria Ecolóxica celebrado en Cee. Ademais de visitar esta explotación de carne ecolóxica fixo-se unha breve parada na “Casa da Quenlla”, en Vila de Cruces, onde Pilar Vispo, titular da mesma, explicou o seu paso da agricultura convencional à ecolóxica.

Cee, 19 de novembro de 2010.- Na xornada de onte un nutrido grupo de gandeiros e gandeiras da Costa da Morte desprazou-se até Celanova para coñecer in situ a explotación de Roberto Álvarez, gandeiro pioneiro na intrudución na Galiza da raza Salers, de orixe francesa. Os e as cursillistas aproveitaron a visita tanto para coñecer unha raza que amosa grandes potencialidades para o aproveitamento do noso monte (grande rusticidade, boas aptitudes cárnicas,…) como para coñecer un entorno natural excepcional e unha experiéncia gandeira e comercial de grande interese para un sector marcado desde hai tempo por uns prezos estabilizados à baixa e suxeito a un constante aumento nos costes de produción.

Asi topamos uns animais robustos, capaces de sacar adiante crias con importantes pesos ao abtimento aproveitando tan só os recursos forraxeiros dos montes de Amoroce, xa perto da “raia” con Portugal. De feito, os animais abatidos ao redor dos 10-11 meses de vida deixan rendementos superiores aos 200 quilos de carne, tendo esta ademais excelentes cualidades organolépticas, aportadas tanto polas características da raza como polo manexo efectuado por Roberto nestas terras de Celanova.

Xa de volta às nosas casas, realizou-se unha parada en Camanzo para coñecer a Pilar Vispo, pioneira da Agricultura Ecolóxica nas beiras do Ulla, que relatou a sua experiéncia para animar a labregos e labregas a adoptar este tipo de práticas agrárias nun mercado que demanda cada vez mais produtos sans e de cualidade.