A FEDERACIÓN RURAL GALEGA E A REPRESENTACIÓN DOS TRABALLADORES DE SEAGA DO SERVIZO DE IDENTIFICACIÓN ANIMAL FIXERON ENTREGA DE 12.500 ASINATURAS SOLICITANDO O MANTEMENTO DO SERVIZO

Demanda-se do Presidente da Xunta que non privatice o sistema de identificación animal para garantir a trazabilidade e calidade da carne galega.

Compostela 18 de Novembro de 2010.- Desde o ano 1998 viña funcionando un sistema de identificación dos animais das especies bovina, ovina e cabrun garantista baseado na colaboración de persoas veterinarias autorizadas, mas tamén as persoas titulares de explotacións tiñan a posibilidade de acudir persoalmente ás Oficinas Agrarias Comarcais a recoller as marcas identificadoras previo pagamento das tasas correspondentes.

Coa publicación o dia 9 de Novembro no DOG do Decreto 183/2010 que regula as entidades identificadoras, unha parte deste sistema que viña funcionando vai ser eliminado. Con este Decreto suprime-se a figura do persoal veterinario colaborador e sustitue-se por unha aplicación informática chamada Oficina Agraria Virtual ou por un teléfono, ou o que é mais grave, por unhas entidade de caracter privado que veñen a substituir ao persoal que estaba realizando estas funcións.

Nestes momentos Galiza conta cun sistema de identificación animal acreditado que permite ofrecer fiabilididade e transparencia desde a produción até a comercialización, e que contribúe a garantir a seguridade sanitaria en toda a cadea.

A implantación deste novo sistema vai supor graves perxuizos para muitas explotacións, xá que unha parte moi importante do territorio da Galiza carece da infraestrutura básica para se poder conectar a internet, amais de coincidir normalmente estas zonas de sombra tecnolóxica (zonas da montaña ourensá e luguesa por exemplo), cunha poboación envellecida e con pouca formación para o uso desta tecnoloxía o que redundara nun trato discriminatorio para este tipo de explotacións.

Por outra parte o uso do telefono xá está a dar problemas debido ao colapso que se está a producir pola cantidade de chamadas que ten de soportoar ademais de sair caro o seu uso, xá que as chamadas non son gratuítas.

Mas o mais grave é a posta en funcionamento das chamadas entidades identificadoras, que non son outra cousa que empresas ou entidades privadas que van a facer o servizo que estaban facendo até agora os veterinarios e veterinarias colaboradoras. A Xunta de Galiza decide eliminar 100 postos de traballo, precisamente nestes momentos tan dificeis para encontrar emprego, e sustituilos por empresas privadas, que loxicamente se rexirán exclusivamente polos criterios de rendabilidade económica.

Este novo sistema causa fonda preocupación, tanto no sector produtor como entre os consumidores, pois o actual favorecía un control acaído da identificación e rastrexabilidade ao longo da cadea agro-alimentar, dando, ademais garantía sanitaria e de calidade a tod@s @s consumidores/as. Mostra desta preocupación son as 7.130 asinaturas de explotacións gandeiras e as 5.370 de consumidores/as que se lle fixeron chegar ao Presidente da Xunta da Galiza solicitando o mantemento do actual sistema, e que cada explotación poda seguir elixindo entre chamar ás veterinarias ou veterinarios colaboradores ou face-lo eles memos, como se viña facendo até agora.