PRESENTADO O CONTENCIOSO CONTRA A DECLARACIÓN DA ZEPA DA LIMIA

Presentouse un extenso informe que desaconsella a declaración de Zona de Especial Proteción de Aves no emprazamento escollido pola Administración.

A Xunta segue sen querer escoitar as demandas das comunidades de regantes, que ven perigar o futuro da sua actividade.

Ourense, 16 de decembro de 2010.- O pasado día 3 de novembro Xurxo Álvarez Presidente da Federación Rural Galega, xunto con representantes das Comunidades de Regantes presentou en Ourense en rolda de prensa a Demanda por contencioso contra a decisión de decretar unha ZEPA na comarca limiá. No dito acto a Advogada Belén Rodríguez relatou as bases xurídicas en que se fundamenta  a demanda. Na mesma comparecencia pública o Enxeñeiro Agrónomo Xosé Manuel González Vilas expuxo as razóns técnicas, incluídas nun exhaustivo estudio, que desaconsellan a ZEPA polas súas graves consecuencias negativas sobre o desenvolvemento agrario e económico da agricultura na comarca.

A advogada sinalou que na argumentación do Decreto de ZEPA a  Xunta de Galiza apóiase en informes técnicos que non gardan a debida separación de imparcialidade ao evidenciarse que os que elaboran os informes forman parte das  organizacións conservacionistas que demandan a favor  da creación da ZEPA frente à consideración dunha alternativa baseada en outra localización xeográfica. Todo isto foi refrendado nun informe ornitolóxico que se adxunta á demanda presentada pola FRUGA.

Pola sua parte, Xosé Manuel González Vilas apuntou os danos económicos que se evidencian desde o momento en que entra en vigor o Decreto, como a posibel retirada dos investimentos públicos (que teñen financiamento europeo) sobre mellora e creación de novos regadíos sociais e que suman máis de 50 millóns de euros para case 5.000 Has, xa que nas ZEPAS xa decretadas noutros lugares se limita expresamente o uso da rega na agricultura. Toda vez que a ZEPA se desenvolva no Plan de Usos e Xestión as previsibles limitacións, regulacións e proibicións sobre os usos tradicionais agrarios na comarca serán un elemento máis que grave no delicado equilibrio de rendabilidade das explotacións da pataca.