FRUGA AVOGA POR INCENTIVAR O COOPERATIVISMO AGRARIO COMO UNHA DAS MEDIDAS NECESARIAS PARA SAÍR DA CRISE

A Federación Rural Galega reúne máis de 150 persoas nas VI Xornadas Agrarias celebradas en Melide

Melide, 18 de decembro de 2010. A Federación Rural Galega organizou o venres 17 e o sábado 18 de decembro as VI Xornadas Agrarias Galegas, que congregaron a máis de 150 persoas do sector para debater sobre cooperativismo e produción agroforestal sostible en Galiza.

Logo do acto de inauguración, a cargo da alcaldesa de Melide, a nacionalista Socorro Cea, e dun percorrido polas conclusións das anteriores xornadas, ofrecido por Ramón Muñiz, que quixo asi entregar o relevo á FRUGA na organización dunhas xornadas que foron referencia para o mundo agrário galego nas últimas décadas. A continuación o presidente de FRUGA, Xurxo Álvarez, presentou os temas que se debateron durante este venres e sábado.

Así, na sección de leite analizáronse e comparáronse os custos de produción das explotacións estensivas e intensivas con diversos estudos de caso. Aquí interviñeron os técnicos Xan Pouliquén e Pablo Lúgaro, asi como os e as titulares das explotacións obxecto do debate.

Na sección de carne, os temas debatidos foron os custos de produción e manexo de explotacións da montaña luguesa, impartido por Eloi Villada, e a nova incorporación nunha explotación estensiva de carne con ampliación territorial na comarca do Deza, exposto por Iria Villar e Sandra Maneiro. Ademais, técnicos de Coren expuxeron o manexo e custo de explotación dun cebadeiro de vacún.

Xa o sábado, analizáronse os sistemas de produción leiteiro, nunha mesa na que interviñeron Antonio Oca, Bernardo Valdés e Pura Ferreño; a experiencia do Banco de Terras cun estudo de caso no concello de Trazo, ofrecido polos técnicos Xosé Carballido e Francisco Ónega e o gandeiro Xosé Rei Noia; os modelos asociativos de xestión e ordenación integral do monte, a cargo de Xosé Antonio Meixide, Xabier Bruña e Xesús Mazaira; e, por último, o futuro da PAC, a cargo de Edelmiro López e as portavoces parlamentares en materia agrária do BNG e do PSOE, Tereixa Paz e Sonia Verdes. Ao mesmo debate estaba convidado o grupo parlamentar do PP, que declinou participar.

Entre os colaboradores destas xornadas, organizadas por FRUGA e o Concello de Melide, figuran a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Consello Regulador Arzúa-Ulloa, Feiraco, Leite Río-Leyma e o grupo Coren.

A organización das xornadas valora moi positivamente tanto a numerosa asistencia aos debates e exposicións, asi como as importantes achegas feitas no decorrer das mesmas. Ademais procederase en breve à edicións das mesmas en distintos formatos, tanto audiovisuais como impresos.

Máis de 150 labreg@s e técnicos seguiron con interese o decorrer das xornadas