Nos actos organizados polo Conselleria do Medio Rural, co Conselleiro ao frente, participaron apenas tres dúcias de persoas.
Constitue-se unha comisión de afectad@s con mais de 400 integrantes.
As Neves, 5 de xaneiro de 2011.- Na xornada de onte celebrou-se no concello das Neves unha asemblea organizada polo Bloque Nacionalista Galego da comarca, à que foi convidada a FRUGA, co obxecto de dar resposta, tanto política como técnica, ao anúncio por parte da Xunta de iniciar a corta masiva de piñeiros na zona co obxecto de evitar o o avanzo desta praga no território galego. Segundo fontes da Conselleria e da empresa TRAGSA, serian necesários entre 5,9 e 8,1 millóns de euros para o desenvolvimento do programa de erradicación e control da praga nas 310 hectáreas de monte dos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves que supoñen a zona de erradicación, ou o que é o mesmo, a incluida no círculo de 1,5 quilómetros de rádio desde o ponto onde foi detectado o foco do nematodo. A Conselleira pretende obrigar aos proprietários e proprietárias das mais de 7000 parcelas afectadas a talar as árbores antes do 28 de fevereiro.
Actuacións “a ollo” e sen compensacións.
Tal e como se desprendeu tanto das intervencións realizadas estos dias polos responsábeis da Conselleria, como na própria asemblea celebrada onte, pretende-se “reordenar” para a ocasión a área afectada, abrindo novas pistas e acondicionando zonas de armacenaxe para un volume de madeira incerto e valorado a ollo, que a adminitración prevé pagar a uns 8 euros o metro cúbico, mais tres veces por baixo do prezo comercial deste tipo de madeira. Ademais pretende-se facer estas actuacións sen un prévio inventário e valoración real do total de árbores afectados por esta medida, polo que a dia de hoxe o que a Xunta pón sobre a mesa é a obriga de cortar os piñeiros, sen saber realmente o volume correspondente a cada proprietário ou proprietária nen o diñeiro que van percibir por esa madeira. Ainda asi a Conselleira estima que esta tala masiva reportaria menos de un millón de euros aos proprietários e proprietárias forestais.
O BNG e a FRUGA, cos afectados e afectadas.
Tanto o parlamentário do BNG, Henrique Vieites, como o Enxeñeiro Forestal colaborador da FRUGA, Xosé Antonio Teiga Pensado, deixaron clara na asemblea celebrada onte a necesidade de contar coa veciñanza antes de tomar este tipo de medidas, ademais da necesidade de facer un inventário real e pormenorizado da superfície forestal afectada, asi como da sua valoración prévia a calquer actuación sobre dela, como única maneira de garantir a correta e xusta remuneración a aquelas persoas que se vexan na obriga de cortar a sua madeira.