Anima a toda a poboación do medio rural galego a participar nesta xornada de folga e nas mobilizacións que organiza a CIG.
Compostela, 17 de xaneiro do 2011.- A Confederación Intersindical Galega, CIG, ten convocada unha folga xeral na Galiza para o vindeiro 27 de xaneiro que pretende dar unha resposta aos ataques contra a clase traballadora promovidos dende o Goberno español, nomeadamente a reforma do sistema público de pensións, que ten como claro obxectivo dificultar o acceso ás mesmas e reducir a contía das pensións futuras. Dende a Federación Rural Galega, FRUGA, celebramos esta convocatoria xa que a consideramos oportuna e necesaria, e sumámonos a ela.
Esta reforma das pensións é totalmente inxusta, non existen razóns técnicas que a xustifiquen, nin hai posibilidade de quebra do sistema, nin nada ten que ver estas reformas coa situación de crise económica. O único obxectivo que se persegue con estas reformas e favorecer novamente os intereses dos grandes especuladores financeiros, verdadeiros responsábeis da situación de crise económica que estamos padecendo, e que son tamén os responsábeis da suba indiscriminada e especulativa dos cereais, dos alimentos e dos insumos necesarios para o funcionamento das nosas explotacións.
No mundo rural galego as pensións actualmente son das máis escasas do estado español e estas reformas incidirían dunha maneira aínda máis negativa nestas prestacións, reducindo máis as súas cuantías, obrigando a máis sacrificios para ter o dereito ao seu disfrute e dificultando o acceso a estes dereitos.
Dende a Federación Rural Galega, FRUGA, pensamos que a única maneira de frear estes ataques contra a maioría social é recorrer á mobilización social e por iso apoiamos esta convocatoria de Folga Xeral e animamos a toda a poboación do mundo rural galego a sumarse a esta xornada de folga e ás mobilizacións que convoca a Confederación Intersidical Galega, CIG.