FRUGA RECLÁMALLE AO CONSELLEIRO DE MEDIO RURAL QUE COMECE A EXERCER COMO TAL

Desde que tomou posesión do cargo en 2009 non fixo mais que observar desde a barreira sen tomar decisión política algunha en defensa do sector chave da economía agrária galega.

“Non tería sentido que liderásemos cuestións relacionadas, por exemplo, co aceite de oliva, pero é básico que o prezo do leite que se produce en Galiza se negócie aquí, e non en Madrid”, sentenciou Somoza.

Lugo, 12 de Abril de 2011.- Asi llo lembrou en rolda de prensa o coordenador dos sectores gandeiros da FRUGA, o gandeiro sarriano Elias Somoza, que compareceu en rolda de prensa acompañado polo tamén gandeiro de Castroverde e membro da Dirección da FRUGA, Xosé Gómez. Somoza lembroulle a Juárez que foi designado no cargo para algo mais que manifestar a sua opinión sobre os acordos que afectan ao sector, e que a responsabilidade do seu cargo vai bastante mais alá.

Elías Somoza acusou ao Goberno galego de deixadez “total e absoluta” nas negociacións do Real Decreto Lácteo, que estabelece a obrigatoriedade de contratos para as transaccións de leite entre produtores e industria, e que contempla a creación das chamadas  Organizacións de Produtores Lácteos (OPL), reprochando a actitude do conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que non pasou de cualificar o acordo como “unha total decepción”.

O coordenador dos Sectores Gandeiros da FRUGA recordou-lle a Juárez que Galiza dispón de ferramentas suficientes para estabelecer un marco de negociación galego e ocupar o lugar que nos corresponde como primeira potencia estatal na produción de leite, e asi liderar o debate político que nesta materia se están a xenerar no Estado, “en lugar de limitarse a mirar a política que desenvolve o Goberno central e laiar os seus desacertos”.