Hoxe foi presentada en Lugo“AGALEGA”
A publicación do RD 460/2011 do 1 de abril de 2011 sentou as bases para facer obrigatorios os contratos para a compravenda do leite e para iso regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite (OPL).
Lugo, 5 de maio de 2011.- Hoxe ás 12:00, en Lugo, constituíuse a Comisión Promotora dunha OPL de ámbito galego demoninada Asociación de Gandeiros de Leite da Galiza (AGALEGA) que xurde coa vocación de fomentar o mantemento da toma de decisións que afecten ao sector lácteo galego no propio País.
Tendo en conta que Galiza ten o 52% das explotacións leiteiras do Estado, producindo en torno ao 40% do leite do total, parece unha lóxica consecuencia que sexa desde aquí desde onde se lidere a política láctea a desenvolver no Estado, e dado que desde a Consellería do Medio Rural non se dan os pasos necesarios para liderar a formación dunha única OPL galega, a Comisión Promotora da OPL AGALEGA, créase con afán integrador e unificador para lograr a mellor defensa na negociación de prezos para o sector lácteo da Galiza.
Situación do sector lácteo galego
Desde a Federación Rural Galega-FRUGA pensamos que agora máis que nunca é vital non renunciar a un marco galego de negociación lácteo. Sirva como indicativo a comparativa entre o prezo do leite na Galiza e o referente europeo, que é o prezo en Francia.
Cando o nacionalismo era responsábel da Consellería do Medio Rural, o prezo do leite na Galiza era superiora ao francés, namentras que desde que o Partido Popular se fixo cargo da Xunta, o prezo é inferior, chegando a unha diferencia próxima a tres céntimos menos por litro no primeiros meses de 2011. Tamén pensamos que non é casualidade que o prezos se veñan a recupera en Europa e non aconteza o mesmo na no noso territorio.
En contraste a estes prezos tan baixos do leite, atópase a constante alza dos principais insumos agrícolas, con datos tan preocupantes como os que se poden comprobar facendo unha comparativa de prezos entre decembro de 2009 e o mesmo mes do ano 2010:
- O aumento do prezo do concentrado de vacún de leite subíu un 13%.
- Os adubos minerais increméntáronse un 49% no caso do nitrato amónico cálcico (NAC), un 30 % no caso do 8-24-16 ou un 21 % se falamos do 15-15-15
- Por outra banda, o combustible aumentou nun 30%
Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, demandamos por parte da Xunta de Galiza do Partido Popular unha posición clara de liderado da política leiteira do Estado, de aposta e defensa do sector agrario galego e o cese da súa política agraria de abandono e de “mirar para outro lado”.