A Consellería do Medio Rural non resolve en tempo e prazo as novas solicitudes e ampliacións de compromisos do CES correspondentes ao 2010.
Estes feitos xa foran denunciados pola FRUGA no mes de xaneiro. Posteriormente tanto XXAA como UUAA e SLG apuraron-se en asegurar que o problema xa fora resolto tras as suas “xestións” perante a Consellaria. Novamente mentiron para salvarlle a papeleta ao Sr. Juarez, no que ven sendo a sua dinámica habitual.
Compostela, 23 de xuño de 2011.– O Contrato de Explotación Sustentable (CES), enmárcase no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, destinado á mellora do medio ambiente e do entorno rural e para o uso sostible das terras agrícolas. Inclúe diversas axudas dirixidas a remunerar aos agricultores polas funcións territoriais, sociais e ambientais que se derivan de determinados sistemas agrícolas e gandeiros, pretendendo tamén reforzar a sostibilidade das explotacións. Ademais disto, as informacións que xa circulan relacionadas coa próxima reforma da PAC, suxiren que no futuro, estas axudas pasarán polo cumprimento de requisitos moi semellantes aos que forman parte do CES.
Segundo as bases do CES do ano 2010, o prazo máximo para resolver as novas solicitudes e ampliacións de compromisos, remataba o día 27 de novembro de ano en cuestión. Transcorrido dito período, e logo da tramitación correspondente, a Xunta de Galiza non resolveu a convocatoria das axudas, como era a súa obriga a teor das bases reguladoras, deixando nunha clara indefensión aos solicitantes das mesmas. En febreiro deste ano dende FRUGA xa denunciamos públicamente esta situación, e o sete de febreiro, uns dias despois, o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juarez, en rolda de prensa, asegurou que a Xunta remataría nese mes o pago das axudas agroambientais correspondentes á campaña do 2009, con un total de 3754 explotacións. En canto a campaña do ano 2010, con 837 novas solicitudes declarou que se iba a axilizar os trámites para que fosen aprobadas o antes posible. Xa van para cinco meses dende estas declaracións e as gandeiras e gandeiros ainda non recibiron resolución das axudas correspondentes á campaña do 2010, nin se cobraron a totalidade das axudas do 2009.
Ante o cúmulo de irregularidades na tramitación das devanditas axudas, moitos gandeiros solicitaron as oportunas explicacións, sen recibir contestación oficial sobre o estado de tramitación e resolución das axudas solicitadas, e mesmo sen sequera asegurar se existía ou ía existir finalmente resolución que puxera fin ao procedemento.
A conduta descrita por parte da Consellaría do Medio Rural constitúe unha vulneración dos dereitos que como cidadáns asisten ás persoas que formularon a súa solicitude ante un procedemento convocado de oficio en concorrencia competitiva e que veñen recollidos na LRXAPePAC. É importante resaltar que a falta de resolución impide coñecer as causas do rexeitamento da axuda, máis importante neste caso se cadra por tratarse dun proceso de concorrencia competitiva, co que se descoñece incluso a valoración e orde de prelación da solicitude formulada respecto doutros solicitantes, e se incorre así tamén nunha evidente falta de transparencia.
Xa que logo, a través destas queixas, solicítase ao Valedor do Pobo que dite resolución pola que se recomende á Consellaría do Medio Rural a proceder a resolver e notificar expresamente as axudas do Contrato de Explotación Sustentable no ano 2010 e a absterse no futuro a emprender prácticas dilatorias na resolución das convocatorias das axudas, así como a dar por rematado calquera procedemento de axudas en concorrencia competitiva pola vía do silencio administrativo negativo.
Desde a Federación Rural Galega-FRUGA non comprendemos o desinterese da Xunta de Galiza no tocante a esta axudas, tendo en conta o contexto no que se atopa o sector agrario galego. Por unha banda, o prezo dos cereais, dos fertilizantes e dos combustibles permanentemente á alza provocan que se disparen os custos de producción, e pola outra, o estancamento dos prezos recibidos polos alimentos producidos, fai que se disminúa a renta agraria poñendo en perigo a viabilidade de moitas das nosas explotacións. Incidir tamén no agravante desta decisión para os mozos e mozas que decidon incorporarse o ano pasado ou teñen pensado facelo, e que non poderán acceder a estas axudas, resultando este tipo de actuacións totalmente negativas para o futuro do sector agrogandeiro galego.
Tamén hai que ter en conta que o 57,56% destas axudas son financiadas por fondos comunitarios, e o 42,44% restante son completados con fondos da Xunta de Galiza e do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, polo que somente o 21.22 % do total vai a cargo dos orzamentos da Consellería do Medio Rural.