O VALEDOR DO POBO ADMITE A TRÁMITE QUEIXAS PRESENTADAS POR GANDEIROS DE FRUGA EN RELACIÓN COAS AXUDAS DO CONTRATO DE EXPLOTACIÓN SUSTENTABLE (CES)

FAIXA DA FRUGA NA SEMANA VERDE DE SILLEDA

A Consellería do Medio Rural debe remitir un informe explicando porqué non resolveu e notificou en tempo e prazo as solicitudes do CES do ano 2010

UUAA, SLG e XXAA hai tempo que dan por boa esta xestión das axudas do CES por parte de Medio Rural.

Lugo, 11 de xullo de 2011.- O Contrato de Explotación Sustentable (CES), enmárcase no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, destinado á mellora do medio ambiente e do entorno rural e para o uso sostible das terras agrícolas. Inclúe diversas axudas dirixidas a remunerar aos agricultores polas funcións territoriais, sociais e ambientais que se derivan de determinados sistemas agrícolas e gandeiros, pretendendo tamén reforzar a sostibilidade das explotacións.

Segundo as bases do CES do ano 2010, o prazo máximo para resolver as novas solicitudes e ampliacións de compromisos, remataba o día 27 de novembro de ano en cuestión. Transcorrido dito período, e logo da tramitación correspondente, a Xunta de Galiza non resolveu a convocatoria das axudas, como era a súa obriga a teor das bases reguladoras, deixando nunha clara indefensión aos solicitantes das mesmas.

Ante o cúmulo de irregularidades na tramitación das devanditas axudas, moitos gandeiros solicitaron as oportunas explicacións, sen recibir contestación oficial sobre o estado de tramitación e resolución das axudas solicitadas, e mesmo sen sequera asegurar se existía ou ía existir finalmente resolución que puxera fin ao procedemento. Por todo o anterior, decidiron presentar, ademáis dos pertinentes recursos de alzada, queixas ante o Valedor do Pobo o pasado 22 Xuño.

Desde a Federación Rural Galega-FRUGA valoramos moi positivamente a admisión a trámite destas queixas, de xeito que entendemos que o Valedor do Pobo ve indicios dunha vulneración dos dereitos que como cidadáns asisten ás persoas que formularon a súa solicitude do CES na campaña 2010, xa que se trata dun procedemento convocado de oficio en concorrencia competitiva e que veñen recollidos na LRXAPePAC. O Valedor do Pobo, desta maneira, insta á Consellería do Medio Rural a emitir un informe explicativo dos feitos acontecidos.

É importante resaltar que a falta de resolución impide coñecer as causas do rexeitamento da axuda, máis importante neste caso se cadra por tratarse dun proceso de concorrencia competitiva, co que se descoñece incluso a valoración e orde de prelación da solicitude formulada respecto doutros solicitantes, e se incorre así tamén nunha evidente falta de transparencia.

Desde a Federación Rural Galega-FRUGA non comprendemos o desinterese da Xunta de Galiza no tocante a esta axudas, tendo en conta o contexto no que se atopa o sector agrario galego. Por unha banda, o prezo dos cereais, dos fertilizantes e dos combustibles permanentemente á alza provocan que se disparen os custos de producción, e pola outra, o estancamento dos prezos recibidos polos alimentos producidos, fai que se disminúa a renta agraria poñendo en perigo a viabilidade de moitas das nosas explotacións. Todo isto agrávase pola seca que estamos a padecer, que fai reducir a produción de forraxe e aumentar os custos de produción.

Tamén hai que ter en conta que o 57,56% destas axudas son financiadas por fondos comunitarios, e o 42,44% restante son completados con fondos da Xunta de Galiza e do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, polo que somente o 21.22 % do total vai a cargo dos orzamentos da Consellería do Medio Rural.