Estes danos, que agravan a situación de crise que vive o sector agrario galego e dificultan a viabilidade de moitas explotacións agrarias, son este ano de especial intensidade
Lugo, 18 de xullo de 2011.- Os danos da fauna salvaxe estanse a convertir nunha verdadeira lousa para as explotacións agrogandeiras galegas. De todos é sabido os importantes perxuizos ocasionados polo xabarín, e cada ano que pasa parece que van a máis, producindo grandes perdas nos cultivos forraxeiros, o cal supón unha merma importante na recolleitas previstas na campaña, especialmente no millo, na herba ou noutros cultivos de horta.
Igualmente o lobo está a ser sumamente dañino cando ataca rebaños de gando ocasionando nestes casos perdas importantes tales como morte de animais, abortos, etc… Tamén nos últimos tempos estamos a ver danos que comezan a ser preocupantes de aves como poden ser os corvos, que fan desfeitas na sementeira do millo e perdas no silo ao producir roturas nos plásticos.
Esta problemática da fauna salvaxe, ven dada nun intre no cal o agro galego está nunha profunda crise, que se ve agravada como consecuencia da seca que se está a dar. A día de hoxe, boa parte das explotacións gandeiras ven como non están a colleitar a herba prevista, tanto en ensilado como en herba seca, sufrindo mermas que superan o 30% en moitos casos, o que supón perdas de ata 10.000 euros por explotación.
Todo isto unido aos baixos prezos que existen na producións agrarias e o brutal recorte de axudas levado adiante polo señor Feijoó, desde a Federación Rural Galega-FRUGA, pensamos que se está a dificultar a viabilidade de moitas explotacións agrogandeiras neste País.
Ante toda esta situación, o que fai a Xunta de Galiza é sacar ordes nas cales se regulan axudas para os gandeiros afectados pola fauna salvaxe, evidentemente, todo o que seña sacar liñas de axudas parecenos positivo, pero iso si, para ser consideradas como tal, deben dotarse cun orzamento capaz de cubrir tódolos danos ocasionados en Galiza.
Sirva como exemplo do que está pasando o feito de que recentemente, dado que o orzamento que a Xunta de Galiza destinou inicialmente para compensar polos danos producidos polo lobo no 2011 era insufiente, aumentou a partida en 11.901 euros para todo o País, o cal indica ben claro cal é o interés do goberno galego polos labregos e labregas. Este aumento na dotación orzamentaria non cubre os danos que pode ocasionar o lobo nun rebaño de vacuno, ou dito de outro modo, non chega nen para paliar o 1% dos danos que se veñen ocasionados polo lobo cada ano.
Dende a Federación Rural Galega-FRUGA, demandamos da Consellería do Medio Rural que as dotacións orzamentarias destinadas a paliar os danos da fauna salvaxe teñen que cubrir a totalidade dos desperfectos ocasionados pola mesma. Estamos de acordo en que é preciso conservar o noso ecosistema, pero o que temos moi claro é que manter a biodiversidade non pode recaer única e exclusivamente nos gandeiros e gandeiras deste País, o mantemento e conservación desta riqueza natural é patrimonio do conxunto da sociedade e, polo tanto, as súas consecuencias tamén teñen que ser asumidas pola administración, non únicamente polas persoas que vivimos das produccións agrogandeiras.