FRUGA, ADEGA E A ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAO COMUN APRESENTAN PUBLICAMENTE AS SUAS ALEGACIÓNS À LEI DE MONTES.

Os Presidentes da FRUGA e a OGCMVMC, Xurxo Álvarez e Xose Alfredo Pereira, no decorrer da rolda de prensa.

 

Pontevedra, 27 de xullo de 2011.- Na mañá de hoxe apresentou-se publicamente o documento que recolle as distintas achegas consensuadas entre propietários forestais, comuneiros e ecoloxistas ao anteproxecto de Lei que arestora está a redactar a Consellaria do Medio Rural. Podes consultar o texto íntegro a continuación.

CONSIDERACIÓNS PREVIAS:

 

PRIMEIRA.- A nosa Asociación considera conveniente sustituir en todo o texto deste rascuño da Lei de montes de Galicia o termo “forestal” polo de “monte”; e onde apareza o termo “propietarios forestais” acrescentar “e titulares dos montes”, así como sustituir onde apareza a expresión “aproveitamentos forestais”, pola de “aproveitamentos do monte”.

Con estas achegas o que se pretende é utilizar unha terminolixía mais correcta e acaida para unha Lei que se dí dos montes de Galicia, xá que os termos “monte” e “forestal” non son sinónimos, en todo caso, o forestal non deixa de ser um aspecto mais do monte e por iso mesmo se estima mais conveniente falar de aproveitamentos do monte que de aproveitamentos forestais. Por outra parte no caso dos montes veciñais en mao común o termo titular non é o mais acaído, xá que os veciños e veciñas comuneiros, mais que titulares son usufrutuarios.

 

SEGUNDA.- Ao noso entender deberiase empregar unha lingoaxe non sexista en todo o articulado da Lei.

 

TERCEIRA.- Non podemos estar de acordo coa eliminación da prohibición de forestar terras agrarias, provocando, deste xeito, un incremento do desorden territorial, incidindo negativamente na prevención dos incendios forestais e redundando no abandono do medio rural, pois unha das cuestións que ten maior incidencia negativa na pervivencia e desenvolvemento das explotacións agrarias é o acceso a terra. Se permitimos forestar as terras agrarias, reduciremos a capacidade de incrementar a superficie agraria útil das explotacións e polo tanto estaremos pondo en causa a súa capacidade produtiva e a súa pervivencia, o que redundará en ter unhas explotacións mais dependentes das fluctuacións especulativas dos insumos. Con esta situación Galiza, no seu conxunto, sae perxudicada.

 

QUARTA.- Este borrador de Lei de Montes que se nos presenta, introduce unha serie de modificacións da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, que demostran unha grande irresponsabilidade. De feito, pódese dicir que o texto proposto ten como um dos seus obxectivos baleirar de contido a Lei 3/2007.

Redúcense as distancias a gardar polas plantacións forestais, que, por exemplo, só terán que deixar unha distancia de 30 metros a vivendas e construcións preexistentes cando se traten de especies de alta combustibilidade e inflamabilidade (eucalipto, piñeiro) ou 4 metros a zonas de labradío, cultivo, prados ou pastos non clasificados como de especial protección agropecuaria, cando se traten de repoboacións con frondosas autóctonas.

Elimínase a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 50 hectáreas, co que a creación de descontinuidades na vexetación que frean o avance do lume non fica garantida.

Desvía cara os concellos as responsabilidades de facer cumprir as obrigas de tratamento da biomasa residual ou de realizar a execución subsidiaria pertinente (antes responsabilidade da Consellaría do Medio Rural), cando a maioría deles non dispoñen dos medios humanos e materiais precisos cos que acometer esa tarefa.

 

QUINTA.– Non podemos estar de acordo con a visión produtivista que encerra esta Lei por estar centrada no aproveitamento da madeira, esquecendo o resto dos aproveitamentos. O sector forestal, e a sociedade galega, demandan un monte valorizado e muntifuncional, pois os modelos de xestión aplicados até o momento, baseados en plantacións monoespecíficas de especies de crecemento rápido reveláronse ineficaces, provocando a aparición de problemas sanitarios, esgotamento de recursos, baixada de prezos e lumes.

 

SEXTA.- Outro dos obxectivos que persigue esta Lei é iniciar o camiño para a desnaturalización e desaparición dos montes veciñais en mao común. Son varios os artigos nos que se elimina a natureza xermánica dos mesmos sendo sustituida por un termo indifinido como o de “natureza especial”, ao tempo que se inician os procedimentos para a sua apropiación encuberta daqueles que se podan encontrar con problemas de escasez de recursos económicos e financeiros.

 

SEPTIMA.- En todo o texto da Lei debese ter un especial cuidado co uso correcto do idioma galego.

 

 

 

 

ACHEGAS AO ARTICULADO.

 

Artigo 2.1.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar ao final do texto “…, así como os montes veciñais em mao común tal como se recolle no artigo 20 da presente Lei.”.

O que se pretende con esta achega é remarcar que os montes veciñais tamén entran dentro do concepto de monte, porque a sua non mención pode dar a entender que estes fican excluidos deste concepto.

 

Artigo 2.1.b.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar ao final do texto “…., así como os equipamentos e as infraestruturas sociais.”

A presencia detes equipamentos e infraestruturas son parte integrante do monte e polo tanto teñen de ter a consideración de monte.

 

Artigo 2.1.c.

Emenda de supresión.

Con este punto o que se pretende é, dunha forma encuberta, propiciar a transformación de terras de uso agrícola en terreos forestais, e como xá fica dito na consideración previa terceira non podemos estar de acordo coa forestación de terras agrarias porque esto vai en detrimento do futuro das nosas explotacións agrarias, facendo delas unhas explotacións mais dependentes e con elo facendo de Galiza un país mais dependente das importacións de materias primas para satisfacer as necesidades alimentares da sua poboación.

 

Artigo 3.a)

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar ao inicio do punto “O fomento e a xestion sostible do ……”

 

Artigo 3.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar a maiores os seguintes puntos:

g)                  A participación dos sectores sociais, medioambientais e económicos, relacionados coa política de montes.

h)                  O interese público e social dos montes  veciñais en mao común e a colaboración coas comunidades de montes.

i)                    O fomento da diversidade biolóxica dos ecosistemas do monte.

Ao nosso entender con esta nova redacción dase unha visión mais ampla e real do que é o monte e dos montes veciñais.

 

Artigo 8, puntos 2 e 3.

Emenda de sustitución.

Proponse eliminar estes dous puntos e sustituílos por unha nova redacción. Ficaría do seguinte xeito:

  1. Aproveitamentos do monte: Son todos aqueles que teñen como base territorial o monte.

Esta proposta parte de que para que o monte se poña en valor para beneficio dos e das seus titulares e para beneficio da sociedade, no seu conxunto, todos os aproveitamentos que se dan no monte teñen que ter a consideración de aproveitamentos do monte, independentemente de que alguns aproveitamentos teñan unha lexislación especial.

 

Artigo 8.8

Emenda de sustitución.

Proponse sustituir a redacción que aparece no anteproxecto, pola seguinte redacción:

8                    Forestal: Un aspecto do monte, relacionado coas plantacións arbustivas.

En coerencia coa primeira consideración xeral feita nestas achegas.

 

Artigo 8.23.

Emenda de sustitución.

Proponse a seguinte redacción para ese punto:

23                Xestor de biomasa: Persoa física, xurídica, comundiade de mentes ou mancomunidades de comundiades de montes, que acreditados pola Administración Autonómica, realiza accións de recollida, transporte, almacenamento ou procesado dos restos forestais para a sua valorización enerxética, de compostaxe ou outros aproveitamentos industriais.

Esta achega faise por entender que os veciños e veciñas e as comunidades de montes, son os tradicionais xestores da biomasa. A lexislación debe recoller e defender que esta actividade poda ser levada a cabo, tamén, polas comunidades de montes.

 

Artigo 8.25

Proposta de acrescentamento.

Proponse un novo punto que recolla a segunte definición:

25        Montes periurbanos: montes lindeiros con zonas urbanas e habilitados para unha utilización sociorecreativa en canto a accesibilidad, a existencia de infraetructuras e, en xeral  a accions e dotacions que aumenten  a sua capacidade de acollida.

Ista proposta non fai mais que recoller a realidade hoxe existente.

 

Artigo 9.4

Proposta de acrescentamento

Acrecentar ao final do punto “…., conforme a Lei 43/2003”

Simplesmente é para que fique mais claro.

 

Artigo 13.1.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar ao final “…. e montes veciñais en mao común”

Con esta redacción o que se fai é reflexar a Lei e a realidade.

 

Artigo 13.4.

Proposta de acrescentamento.

Proponse, por un lado, eliminar no texto o termo “privados”, e por outro sustituir o termo “de natureza especial” polo termo “de natureza xermánica”, así como sustituir ao final do punto “propietarias” por “titulares”.

Ao noso entender, de ficar a redacción tal como figura na proposta de anteproxecto estarianse dando os pasos para desposuir aos montes veciñais do seu caracter de propiedade comunal e da sua natureza xermánica, algo co que non podemos estar en nada de acordo.

 

Artigo 17.

Emenda de supresión.

Eliminar do texto “, e os veciñais en mao común”.

Como fica dito anteriormente o monte veciñal é unha titularidade distinta.

 

Artigo 20.

Emenda de supresión.

Eliminar a palabra “privado” e sustituir o termo “natureza especial” polo de “natureza xermánica”.

 

Artigo 22.1.

Emenda de sustitución.

Proponse sustituir a redacción actual pola seguinte:

“A xestión dos montes protectores, corresponde aos e ás seus titulares. A Administración competente en materia de montes elaborará o proxecto de xestión e acompañará medidas económicas ”

É lóxico que sexa así porque os montes protectores benefician a toda a sociedade, polo que a Administración ten de se implicar no seu mantemento.

 

Artigo 44.

Emenda de sustitución.

Sustituir a palabra “forestal” por “conforme o mapa de usos”

Como xá fica dito o forestal é somente un aspecto do monte.

 

Artigo 52.1.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar despois de ” comunidades propietarias”  o seguinte texto “co equipo tecnico e xurídico  dos servizos provincias de montes”

Se a Administración ten competencia na declaración do monte como veciñal en mao común, ten que dispor de mecanismos para o deslinde.

 

Artigo 55.1.

Emenda de sustitución.

Sustituir a palabra ” poderanse ” polo texto “A Administración colocará  os marcos”

Non pode ser unha opción, ten que ser unha obriga.

 

Artigo 55.2.

Este punto determina que se o procedemento de marqueo presentara problemas en relación coa propeidade este ficara suspenso até que a cuestión sexa resolta en via xudicial ou exista un pronunciamento do Xurado provincial. Ao noso entender primeiro terá de se manifestar a Administración e logo, de non se chegar a un acordo por esta via, o loxico é que o asunto se dirima na via xurisdicional e non ao reves como se interpreta da redacción que aparece no texto proposto.

 

Artigo 57

Emenda de sustitución do texto acutal polo seguinte:

“De xeito excepcional, as comunidades de montes veciñais en mao común, poderán adquirir tereros colindantes e enclavados. Así como adquir terras se padecen un acto de expropiación, que siñifica eliminación física do monte. Estas adquisicións comunicaranse ao Xurado Provincial de montes veciñais en mao común que integrará a superficie adquirida e comunicarllo ao Rexistro de Propriedade que tomará razón da mesma. Os terreos adquiridos, terán a consideración de monte veciñal en mán común. O mesmo acontecerá, se polos mesmos motivos, as comunidades de montes adquiriron terras antes da entrada en vigor desta Lei .

Para o que, as comunidades de montes veciñais en mao común, terán plena  capacidade xurídica para o cumplimento dos seus fins e a defensa dos seus direitos sobre o monte veciñal e os seus aproveitamentos, así como sobre a sua administración, disposición e actos derivados.

Así mesmo, as comunidades de montes veciñais en mao común, terán plena capacidade xurídica para a realización de todos aqueles actos e negocios xurídicos que teñan por obxeto obras ou servizos comunitarios e, en xeral, para todos aqueles actos ou negocios xurídicos que redunden no beneficio da comunidade veciñal, de acordo co que se decida

en cada momento a sua asemblea xeral.”

É o xeito de que, sen perder a sua condición de caracter xermánico, poida adquirir terras. De non facelo así, o que se pretende por medio desta lei de montes, e dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica, e xa que logo, iniciar o camiño da sua privatización.

 

Artigo 59.3.

Proposta de acrescentamento.

Engadir ao final do parágrafogo, o texto seguinte “agás nos casos en que o causante do lume sexa o titular do monte.”

Coa redacción do texto do anteproxecto podese a entender que o titular do monte vai ser doblemente castigado, tanto polos danos causados polo propio lume, como que, como consecuencia deste se lle impida a sua planificación, sobre todo cando o lume é causado por persoas alleas á titularidade do monte.

 

Artigo 61.

Emendad de supresión.

Co texto do anteproxecto estase permitindo a forestación de terras agrarias, asunto co que xá manifestamos a nosa total oposición

 

Artigo 64.

Proposta de acrescentamento.

Engadir despois de “no artigo 65.2, apartados e) e d)”, o seguinte texto: “A Administración competente en materia de montes, elaborará o proxecto técnico, así como dará apoio técnico e axudas económicas”

Non pode ser que o titular que padeza o lume nas suas terras, logo teña que correr el só cos gastos de restauración.

 

Artigo 66.

Proposta de acrescentamento.

Engadir ao final do parágrafago “e montes veciñais en mao común.”

O monte veciñal e unha titularidade especial e como tal debe estar protexido.

 

Artigo 75.1

Emenda de sustitución.

Sustituir o texto do artigo pola seguinte redacción:

“Os PORF serán aprobados polo Consello da Xunta mediante decreto, tras a consulta ao consello forestal, aos representantes das comunidades de montes, do sector monte, das entidades locais, e de outros colectivos usuarios con interese no monte. A aprobación de estes plans incluirá o trámite de información pública que durará entre 1 e 2 meses.”

Con esta proposta o que se pretende é favorecer a participación cidadá.

 

Artigo 83.

Proposta de acrescentamento.

Engadir ao final o seguinte texto “O mesmo será de aplicación a Adminitración compentente en materia de montes, no caso dos montes veciñais consorciados ou conveniados ”

Todos os cidadans somos iguais ante a lei.

 

Artigo 85.

Emenda de supresión.

Eliminar todo o que vai despois de “unha fonte de rentas para o propietario.”

 

Artigo 86.2.

Proposta de acrescentamento.

Engadir despois de Rexistro de Terreos Forestais de Pastoreo o seguinte texto  “A inclusión de parcelas dedicadas a pasto, leva consigo a definición de estas parcelas como pastos e poderán ser tidas em conta para determinar a carga gandeira de quen estea aproveitando ditos pastos.”

Esto pode axudar a superar indifinicións dos usos do monte entre as diversas administracións, así como favorecer acordos entre titulares destas superficies e os titulares de gando.

 

Artigo 86.7.

Proposta de acrescentamento.

Engadir  ao final do texto “Mentras non haxa os convenios de colaboración cos concellos, a competencia para retirar o gando non identificado, nin autorizado, correspondelle á Conselleria do Medio Rural.”

A dia de hoxe, e aplicando unha lei de principios do século pasado,  xá son os concellos os responsables de retirar este gando. E todos sabemos o resultado que dá.

 

Artigo 106.

Proposta de acrescentamento.

Proponse acrescentar ao final do texto a seguinte redacción: ” Asi mesmo, promoverá na educación primaria e secundaria os coñocementos das caracteristicas e das funcions dos montes veciñais en mao común e o funcionamento das comunidades de montes. A conselleria do Medio Rural incluirá no curriculunm de todo insino obrigatorio o coñocemento e beneficio dos montes así como o funcionamento democrático das comunidades de montes.”

A figura dos montes veciñais en mao común é unha figura característica e propia do territorio galego e cunha extensión de aproximadamente o 20% da superficie total da Galiza, motivos suficientes para que o sistema educativo galego lle preste a importancia que se merece.

 

Artigo 108.2.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar despois de “…. e asociacións do sector forestal” a expresión; “e con as comunidades de montes, …”.

Non parece lóxico excluir a posibilidade de que as comunidades podan establecer convenios, coa conselleria competente, para desenvolver programas de divulgación.

 

Artigo 121.1.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar un novo punto, que sería o apartado a-bis), coa seguinte redacción:

a-bis) As comunidades de montes veciñais en mao común.

Proponse esta referencia específica aos montes veciñais en mao común, porque estes non deben ter a condición de propiedade privada, polo que non teñen encadre en ningún dos otros apartados.

 

Artigo 123.1.b.

Emenda de supresión.

Eliminar todo o texto que sigue despois de “Comunidades veciñais en mao común.”.

Nestes momentos non se sabe quen está en condicións de determinar a carencia de recursos, mas tampouco fica claro cales son os criterios para definir que unha comunindade de montes  non ten recursos fiñanceiros  e que non está garantida a sua sustentabilidade económica, social e medioambiental. Manter este punto no borrador da lei de montes e proceder a unha apropiación encuberta dos montes veciñais.

 

Artigo 123.1.b.

Proposta de acrescentamento

Engadir ao final do texto “. Para a súa contratación, constituráse unha mesa paritaria, na que estará presente a administración e as comunidades.”

A redacción deste punto, ficaría do seguinte xeito:

b) Comunidades de montes veciñais en mao común. Para a súa contratación, constituiráse unha mesa paritaria, na que estará presente a administración e as comunidades.

 

Artigo 123.4.

Emenda de supresión.

Eliminar todo o texto que sigue despois de “….polos aproveitamentos forestais.”.

Se no punto anterior, se producía unha apropiación encuberta, agora, neste,  buscase unha financiación para beneficiar ao apropiador, que podera ser seguramente algunha sofor ou calquera outra figura especulativa.

 

Artigo 123.5.

Achega de acrescentamento.

Acrescentar ao final do texto a seguinte redacción: “. Agás os montes veciñais en mao común, que terán que ser xestionados directamente pola Administración, podendo colaborar nesta xestión as comunidades de montes da zona ou a mancomunidade de montes da zona.”

De non se lle acrescentar este texto, os montes veciñais en mao común, estariamos, mais unha vez, perante a posibilidade da sua apropiación indebida, co agravante de que esta sería feita despois de se ter asegurada a súa financiación.

 

Artigo 124.7.

Emenda de supresión.

Eliminar todo o que vai desde “… polos aprovietamentos e …” até “… de natureza extraordinaria”.

O que motiva este emenda ven determinado por entender que as cotas teñen que ser satifeitas exclusivamente en base aos rendimentos obtidos pola actividade forestal, seguindo a filosofía que orienta este proxecto Lei, e non a partir dos rendimentos derivados de outros aproveitamentos, ou expropiacións como aparece no texto que nos propomos suprimir.

 

Artigo 125.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar un novo apartado.

m) Rexistro de Asociacións profesionais, colexios profesionais e outras asociacións nas que nos seus estatutos figure, entre outros, alguns dos seguintes fins: a mellora, defensa, fomento e promoción do sector do monte.

Unha aclaración; en galego normativo o grafema j non existe. A ter en conta á hora de ordenar os apartados deste artigo.

 

Artigo 127.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar un novo apartado.

41. Facer vertidos non autorizados de calquer tipo de resíduos en terreos de monte.

 

Artigo 128.2.

Emenda de acrescentamento a respeito das infracción tipificadas como graves. Novo apartado.

g) A infracción tipificada no apartado 41 do artigo 127 desta lei.

 

Artigo 138.1.

Emenda de sustitución.

Sustituir “axentes forestais” por “facultativos mediambientais”, por ser o nome oficial.

 

Artigo 139.1.

Emenda de supresión.

Proponse suprimir os apartados a) e b) deste artigo por entender que o, ou, a responsábel do delito é quen o comete e non os, ou, as propietarias ou posuidores onde se cometan os feitos constitutivos de infranción, así como tampouco se poden considerar responsábeis as persoas que levan a xestión dos terros forestais onde se cometan os feitos.

 

Dsposición adicional segunda, punto 1.

Emenda de supresión.

Eliminar “… e nos montes veciñais en mao común”

Chama a atención que, cando en todo o texto do anteproxecto, se considera ao monte veciñal en mao común como unha titularidade privada, á hora de impor obrigas o monte veciñal situase á par dos montes públicos patrimoniais.

 

Disposición adicional segunda, punto 1.

Achega de acrescentamento.

Acrescentar un novo punto, que podería ser o 1-bis, coa seguinte redacción:

1-bis.”Nos montes veciñais en mao común, as cotas minimas de reinvestimento en mellora, proteción, posta en valor dos montes veciñais de xeito multifuncional e sustentable e en potenciar a súa funcion social, determinaranse de acordo co seguinte criterio:

a)-O que veña indicado nos planos de ordenación ou nos planos de xestión técnica de cada monte veciñal.

b)- O 40% nos montes veciñais que carezan de plano de ordenación ou plano tecnico de xestión.

c)-O 15% nos montes veciñais en mao común situados en zonas desfavorecidas ou con pouca populación. Nestes casos, cada dous anos, reunirase a Administración e a comunidade de montes repectiva, para analizar se o monte precisa mais investimento en mellora e proteccion. Nestes casos, a Administración, poderá fixar outra porcentaxen de investimento, que tera que ser excepcional e temporal .

d)-O 100% dos ingresos xerados por incendios, plagas, temporais. Este investimento faráse mediante un plano de investimento que terá unha duración de entre 5 e 20 anos e contará para a sua elaboración co apoio da Administración de montes.”

Obrigar a todos os montes veciñais en mao común, por igual, na medida em que son distintos e que estan situados en distintas zonas do Pais é unha inxustiza. Unha inxustiza que ademais, non favorece o logro dun monte veciñal multifuncional e sustantábel. Siñificará que nalgúns montes tiraranse cos cartos (cando o plan técnico indique menos investimento), non chegar para acadar un monte sustentable (cando o plan técnico indique  mais investimento). E, por outra parte, nos montes veciñais situados en zonas desfavorecidas ou con pouco populación, esta medida, tal como figura no anteproxecto, empuxará á desertización do medio co que se vai convertir nunha medida que favorecerá a despoboación do mundo rural, todo o contrario do que se di na exposoción de motivos desta lei.

 

Disposición adicional segunda, punto 2.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar ao final do texto a seguinte redacción:

“No caso dos ingresos de natureza extraordianaria, o investimento levarase adiante  mediante un plano que terá unha duración de entre 5 e 20 anos.”

De non facerse así, para xustificar o investimento, nalguns casos, haberá que asfaltar o monte ou pintar as arbores.

 

Disposición adicional segunda, punto 5.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar despois de “… traballos forestais no monte” o seguinte texto: “… e posta en valor do monte veciñal de xeito multifuncional e sustentábel, …”. A redacción ficaria do seguinte xeito: “… traballos forestais no monte e posta en valor do monte veciñal de xeito multifuncional e sustentábel, sempre …”.

 

Disposición adicional segunda, punto 6.

Emenda de sustitución.

Sustituir “primeiro semestre” por ” dous anos”.

Resulta curioso que  en todo o texto do anteproxecto da lei de montes, o monte veciñal se califica como de titularidade privada, agás cando se trata de intervención da Administración. Manter este punto tal e como está, siñifica, impedir a posta en valor do monte veciñal de xeito multifuncional e sustentábel xa que se lle impedirá ser benefeciario de axudas, e siñifica tamén, mediante as sancions, o logro dunha financiación que ira ao Fondo de melloras, para beneficiar a algunha sofor.

 

Disposición adicional segunda, puto 7.

Emenda de supresión.

Proponse eliminar este punto, xá que coas achegas feitas anteriormente, este punto non ten sentido.

 

Disposición adicional cuarta.

Proposta de acrescentamento.

Proponse acrescentar um segundo parágrafo coa seguinte redacción:

“Polas funcions que levan adiante os montes veciñais en mao común, na eliminación do CO2, a Administración establecerá liñas de axudas para os montes veciñais que poderán levarse adiante polas seguites vías:

a)-liña de axuda especifica

b)-incremento da porcentaxen da axuda nas subvencions xerais. En todo caso, estas axudas terán caracter finalista, polo que terá de ser investidas en:

-plantacions de frondosas autoctonas.

-posta en valor dos montes veciñais en mán común de xeito multifuncional e sustentábel.

-nos montes veciñais en mán común situados en zonas desfavorecidas ou con pouco populación, debe contemplarse a posibilidade do reparto entre os veciños e veciñas comuneiros, se ben, esta última opción terá que ser aprobada pola Adminstración.”

É unha redistribución dos custes medioambientais que benefician a toda a sociedade, mas só é custeada por algúns.

 

Disposición transitoria quinta.

Proposta de acrescentamento.

Acrescentar despois de “… Instruccións de ordenación de Galicia” o seguinte texto:

“Nos casos dos montes consorciados e conveniados, este plan de ordenación ten que levalo adiante a Administración competente en materia de montes, e ademais, estableceranse axudas específicas para que os montes veciñais en mao común se doten desta ferramenta de xestión.”

Non todos as comunidades de montes dispoñen de capacidade económica para dotarse deses planos de ordenación e ademais, un monte ordenado produce melloras para toda a

sociedade.

 

Dsposición transitoria oitava.

Emenda de sustitución.

Sustituir todo o texto desta disposición polo seguinte texto alternativo.

“Os consorcios e os convenios, coa entrada en vigor desta lei, fican condonados.”

 

Disposción transitoria decima. (nova).

Proposta de acrescentamento

“A conselleria competente en materia de montes, de oficio ou a instancia da respectiva comunidade de montes, revisará as servidumes o outros gravames que afecten aos montes veciñais en mao común, particularmente as derivadas das instalacions electricas.

A tal fin, abrirá un expediente para determinar en cada caso a existencia ou non dun titulo válido en dereito que ampare a referida servidume, non sendo tal a prescripción adquisitiva. No suposto de inexistencia de título, preocederáse, nun plazo máximo de  tres meses, a iniciar os trámites dun expediente de ocupación ou de expropiación, de

acordo co disposto na lexislación especìfica dos montes veciñais.”

Regularizar unha situación que está moi extendida no noso territorio, estando ademais dita regularización dentro das competencias que son proprias da Comunidade Autonoma.

 

Disposición derrogatoria, punto 1, apartados a) e b).

Emenda de supresión.

Proponse eliminar os apartados a) e b) do punto 1 desta disposición derrogatoria.

Ao noso entender a Administración fixo mal os deslindes dos montes veciñais en mao común, e durante todo este tempo, a pesar de ser unha das suas obrigas, non foi quen de solucionar os problemas causados, e agora con esta proposta lexislativa pretende pola via rapida suprimir esta obriga, cousa coa que estamos en total desacordo. Esta é a razon pola que solicitamos a eliminación destes dous apartados.

 

Disposición derradeira primeira.

Emenda de supresión.

Proponse eliminar na sua totalidade esta disposición derradeira primeira.

Motivos:

As modificacions que prantexa esta disposición derradeira primeira da Lei de Montes de Galicia, son de tal envergadura e atentan contra os principios elementales da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que pretende modificar. Só por iso, vemonos na obriga de ter que pedir a sua eliminación do anteproxecto da lei de montes de Galicia.

Asi, elimina da xestión da biomasa forestal en mosaicos de parcelas e xa que logo, non rompe a continuidade do combustible do monte. Ao eliminar a prohibición de establecer masas monoespecíficas de mais de 50 hectáreas propicia o avance do lume. Esta anulación feita sem ningún criterio lóxico desde o punto de vista da loita contra o lume, somente se pode entender se con ela o que se pretende é favorecer os intereses das grandes industrias da madeira que cobizan facerse cos montes veciñais en mao común, para o que xa foron dotadas dun instrumento, por parte desta conselleria, como son as sofor, co fin de facer grandes plantacións, ben de especies de crecimento rápido, ou ben de cultivos enerxéticos.

Com esta disposición derradeira tamén se está a reducir a distancias de seguridade a outras propiedades, as franxas de seguridade coas edificacions sen nengún criterio técnico, o que está a pór de manifesto unha grande irresponsabilidade por parte do goberno da Xunta de Galicia.

Ademais, unha lei de montes, ten que ter continuidade no tempo, mentras que unha lei de prevención e defensa contra os incendios forestais pode que sexa preciso modificala no curto tempo. Xá que logo, se a conselleira do Medio Rural, quer cambear a lei de prevención e defensa contra incendios forestais, actualmente vixente, o que deberia facer é elaborar unha nova proposta ao respeito co fin de sometala a información pública. O que non debe facer é, de forma encuberta, derrogar a lei de prevención e defensa contra incendios forestais, mediante  unha disposición derradeira.