FRUGA DENÚNCIA DIANTE DA XUNTA OS CONTÍNUOS RETALLAMENTOS NAS AXUDAS AO RURAL GALEGO

 

Esta actitude da Xunta do Partido Popular pon en xaque a un grande número de explotacións, especialmente a aquelas que optaron por un modelo máis sustentábel e respeitoso co medio ambiente, e a aquelas situadas en zonas de montaña ou desfavorecidas. Estes retallamentos afectan tamén a servizos básicos para o rural, como o coidado de maiores, as escolas rurais ou as brigadas de prevención de lumes  artelladas desde as comunidades de montes.

Compostela, 4 de agosto de 2011.- Perto dun cento de gandeiros e gandeiras de distintas comarcas da Galiza, asi como distintos axentes sociais vencellados ao rural galego, deron-se cita na mañá de onte para protestar diante daXunta pola política de marxinación do rural que está levando a cabo o PP de Galiza con Feixó e Juarez à cabeza. En nome dunha suposta “austeridade” está-se a facer desaparecer ou simplemente descapitalizar distintas liñas de axuda imprescindíbeis para a pervivéncia do noso medio rural. Noutros casos, partidas xá aprovadas e mesmo comunicadas aos e às beneficiárias das mesmas son inxustificadamente reducidas, sen que a Consellaria informe de onde están indo a parar eses cartos, a sua meirande parte procedentes da UE. Ao final da concentración ,e tras a intervención do Presidente da FRUGA procedeu-se a rexistrar o escrito que a continuación reproducimos, dirixido ao Presidente da Xunta 

SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

 

 

D. XURXO ALVAREZ PEREZ, como Presidente da Federación Rural Galega-FRUGA, dirixome a vostede pola preocupación que nos está a causar a política de retallamentos que está a pór en practica, e que está a afectar a case a totalidade das axudas relacionadas co mundo rural galego.

 

Política de retallamento, que agora lle chaman de austeridade, mas mal entendida e aplicada, porque como dice o premio Nobel de Economía, Joseph Stiglitz “a dereita entendeu o problema exactamente ao revés: eles creen que a austeridade produce confianza, e que a confianza produce crecimento. Mas a austeridade socava o crecimento, empeorando a situación fiscal do goberno, ou cando menos producindo menos melloras que as prometidas polos promotores da austeridade. En todos os casos, socavase a confianza e unha espiral de descontentamento ponse en marcha”.

 

Fagamos un pouco de memoria e repasemos, non polo miúdo, aquelas liñas de axudas mais afectadas.

 

Unha das primeiras afectadas foron as axudas relacionadas co Contrato de Explotación Sustentábel (CES), reducindo o seu importe nun 40% para as explotacións que a tiñan concedido e tendo de cubrir con este importe um período de 20 meses en lugar dos 12 que lle correspondia, peor ainda o teñen as explotacións que presentaron a súa solicitude por primeira vez no ano 2010, ou as que solicitaron aumentar compromisos, porque, como vostede saberá, non van cobrar.

 

A axuda ao aconsellamento tamén se viu diminuída tanto para as explotacións como para as entidades prestadoras deste servizo, calculandose que o retallamento está en torno ao 20, 40 por cento, obrigandolle ás entidades a correr pola súa conta cos costes laborais relacionados coa seguridade social dos seus traballadores e traballadoras.

 

Por outra parte as explotacións situadas en zonas de montaña ou desfavorecida sufriron unha reducción ao se suprimir os pastos arbustivos do cálculo da carga gandeira, o que afecta directamente ao importe da axuda coñecida como ICM, e outras foron excluídas por, a Conselleria, mudar os criterios de baremación. Os cortes tamén afectan ás axudas destinadas á conservación de razas autóctonas en perigo de extinción.

 

É sintomático que estes cortes afecten directamente a aquelas explotacóns que optaran por modelos produtivos mais sustentábeis e respectuosos co medio ambiente, coincidindo cunha época de suba dos insumos como son os cereais, os adubos ou o gasóleo, agravda toda esta situación pola seca que está a afectar ao agro galego.

 

Outras liñas que viron reducido o seu orzamento foron as destinadas ao Plans de Mellora, así como as asignadas para facer frente aos danos causados pola fauna salvaxe, funamentalmente xavali e lobo.

 

A falta de recursos económicos e de apoio institucional obrigou ao peche da Unidade de Transferencia de Embrións de Bos. A decisión da Conselleria do Medio Rural de cortar á sua aportación trae consigo o peche da finca de Bos. Pechase así un centro punteiro e de referencia para o vacún frisón galego, mas tamén a nivel estatal, gozando dun merecido prestixio a nivel internacional, do que sairan exemplares tan valiosos como o touro Xacobeo.

 

A Conselleria do Medio Rural suprimiu, o ano pasado, as axudas destinadas á repoboación tanto con frondosas caducifolias como a forestación de terras non agrarias, liña que este ano abriu mas cunha clara orientación produtivista. Outras axudas que foron suprimidas, foron as axudas para a valorización e multifuncionalidade do monte.

 

Tamén houbo problemas coa orde de tratamentos silvícolas, así como coa de prevención de incendios, ficando excluídas, nesta orde, a constitución de cuadrillas por parte das comunidades de montes veciñais en mao común.

 

Os distintos Grupos de Desenvolvimento Rural (GDR) estan sufrindo nas suas propias carnes os problemas de xestións orzamentaria provocados desde o organismo pagador, AGADER, así como os cambios de criterios, chegando a propor, por parte deste organismo da Conselleria, suprimir as axudas aos proxectos produtivos, ligados coa actividade agro-gandeira e forestal.

 

Os Consellos Reguladores viron recortados os seus orzamentos en mais dun 20%, o que en moitos casos os imposibilita para realizar adecuadamente as suas funcións de control e promoción dos distintos produtos que amparan.

 

Mas ao rural non só lle afectan os retallamentos que proveñen da Consellaria do Medio Rural, outras consellerias tamén estan aplicando esta política. Por exemplo a Conselleria de Educación ven de suprimir o programa Pre-escolar na Casa, do que se aprovietaban maioritariamente nenos e nenas do rural, a maiores de pechar centros escolares ubicados no mesmo medio.

 

As políticas relacionadas cos servizos sociais tamén se viron afectadas polos seus retallamentos, o que ten unha grave incidencia no rural galego, onde viven unha cantidade importante de persoas maiores e moitas delas con discapacidades, o que fai que  precisen de todo o apoio que a administración está obrigada a lles prestar. Os nosos mairiores merecen respeto e atención por parte do goberno galego.

 

Outras das consellerias que efectuou retallamentos que afectan directamente ao rural foi a Conselleria Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que, como será do seu coñecimento, efectuo recortes nos orzamentos destinados á rehabilitación de vivendas rurais. As condicións de habitabilidade de muitas vivendas rurais dependen das melloras que se poidan efecutar acollendose a esta liña de axudas. Os resultados obtidos en anos anterios demostran que esta é unha liña mui demandada.

 

Acollendonos ás palabras do señor Stiglitz, de que perante estas políticas de falsa austeridade o que se precisa é que unha espiral de descontentamento se poña en marcha, é polo que a medio do presente escrito queremos manifestar o descontentamento do rural galego ao tempo que SOLICITAR:

 

  • A restitución de todas as liñas de axuda que ou ben sufriron retallamentos ou simplemente foron suprimidas.
  • Recuperar a política de servizos sociais para o rural, abandonada polo seu goberno, e mesmo acrescentala, porque como vostede saberá as necesidades son moitas neste medio.
  • O apoio dicidido aos sectores produtivos agrícolas, gandeiros e todos os relacionados co monte, como unha das medidas mais axeitadas para combatir a crise pola que estamos atravesando e como fonte de postos de traballo nestes momentos de crecente paro. O abandono e a desertificación do noso rural é un dos graves problemas da Galiza actual, aos que o goberno galego ten obriga de facer frente.

 En Santiago de Compostela, a 4 de Agosto de 2011.