FRUGA PÍDELLE Á XUNTA QUE RINDA CONTAS ANTE A SITUACIÓN INSOSTIBLE QUE SOFRE ALIMENTOS LÁCTEOS S.A. E QUE NON REPITA OS MESMOS ERROS NAS NEGOCIACIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE CLESA

A Federación Rural Galega atribúe, en boa medida, os baixos prezos do leite que están a percibir os produtores galegos (arredor de 3 céntimos de euro menos por litro que no resto do Estado e de case 5 céntimos menos que a media europea) á inestabilidade da empresa promovida polo goberno galego, Alimentos Lácteos S.A., que acumula importantes débedas e que afronta unha fonda crise debido a diverxencias internas.
Así mesmo, e en referencia ás xestións que poderían levar a que diversas cooperativas se fagan coa fábrica de Clesa de Caldas de Reis, FRUGA insta á Xunta a apoiar decididamente, e neste caso sen exclusións, un proxecto empresarial de base cooperativa que sirva para fortalecer o tecido industrial do país e para mellorar os prezos percibidos en orixe polos produtores.

Silleda, 26 de agosto de 2011.- A Federación Rural Galega (FRUGA) analizou esta mañá en Silleda a situación de crise de mercado que vive o sector leiteiro galego diante dunha ampla representación de gandeiros das comarcas da Terra Chá, Sarria, A Mariña, Ordes, Xallas e O Deza. No encontro presentouse a xestora da primeira Organización de Produtores Lácteos (OLP) constituída no noso país (AGALEGA-Asociación de Gandeiros de Leite de Galiza), que pretende aglutinar a todo o sector produtor para levar a cabo a negociación de contratos homologados coas industrias lácteas. Esta fórmula será obrigatoria unha vez que o Ministerio publique o novo Decreto que regulará a comercialización do leite, tal e como está previsto para a próxima campaña. O responsable de Sectores Gandeiros de FRUGA, Elías Somoza, lembrou que, coa nova normativa, serán as OLP´s as entidades encargadas de concentrar a oferta deste produto, “polo que é importante que se asocie o maior número posible de produtores para ter máis forza á hora de fixar prezos dignos en orixe e para que o peso do sector lácteo galego dentro do Estado, que supón o 52% dos produtores e o 40% da produción leiteira, se faga visible nas negociacións”.
Así mesmo, na asemblea tamén se abordou a situación de inestabilidade que está a sufrir a empresa de base cooperativa, impulsada e participada pola Xunta, Alimentos Lácteos S.A. Segundo os responsables de FRUGA, “hai indicios de que as débedas e os pagamentos atrasados acadan contías millonarias, o que fai insostible o mantemento da sociedade nas actuais condicións”. “Ademais, as diferenzas internas levaron a que varias cooperativas estean abandonando o proxecto e á destitución do xerente por decisión do Consello de Administración”, engaden, á vez que salientan que “esta inestabilidade está a influír considerablemente nos baixos prezos do leite, porque moitas destas cooperativas, para sanear as súas contas, teñen que vender máis barata a súa produción marcando esta tendencia no mercado”.

Neste sentido, FRUGA acusa á Xunta de ser “cómplice e responsable directa” desta situación, “dado que no seu momento excluíu as cooperativas lácteas máis solventes do proxecto de adquisición da planta de Pascual, dividindo o movemento cooperativo galego como nunca antes se fixera, e os resultados demostran que se equivocaron”. Así pois, instan a administración galega a que “poña as contas claras enriba da mesa” e a que non volva repetir os mesmos erros noutros procesos, como no caso dos movementos que se están a dar para unha posible adquisición por parte de cooperativas lácteas da fábrica de Clesa de Caldas de Reis. En relación con este asunto, os responsables de FRUGA entenden que hai unha falta de confianza do sector cara á Xunta e que, “nesta ocasión, as condicións deben estar claras desde o comezo, concretando cal vai ser o apoio económico da administración ao novo proxecto empresarial e como se vai artellar o plan de xestión da fábrica, tendo en conta que a paralización da mesma levou aparellada a perda dos seus subministradores e clientes”.