A FRUGA CONSEGUE DESBLOQUEAR AS NOVAS APROBACIÓNS E AMPLIACIÓNS DE COMPROMISOS DA CAMPAÑA 2010 NO CONTRATO DE EXPLOTACIÓN SUSTENTABLE

Elias Somoza Regueiro, responsábel dos Sectores Gandeiros da FRUGA e gandeiro de Sárria, Manuel Nuñez Monxardin, membro da Dirección e gandeiro da Fonsagrada, xunto co técnico da FRUGA Lois Martínez Taboada, visibelmente satisfeitos durante a rolda de prensa convocada en Lugo

A Consellería do Medio Rural publicou recentemente no DOG o reaxuste orzamentar inicial para facer frente a estes pagamentos.

A FRUGA ficou soa na defensa das mais de 800 explotacións que ven agora recompensada a perseverancia na defensa dunhas axudas usurpadas por unha administración que non confia nos modelos de produción sustentable.

 

Lugo, 1 de setembro de 2011.- O Contrato de Explotación Sustentable (CES), enmárcase no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, destinado á mellora do medio ambiente e do entorno rural e para o uso sostible das terras agrícolas. Inclúe diversas axudas dirixidas a remunerar aos agricultores polas funcións territoriais, sociais e ambientais que se derivan de determinados sistemas agrícolas e gandeiros, pretendendo tamén reforzar a sostibilidade das explotacións.

Os expertos do sector agrario permanentemente fan referencia a que unha das vías para aumentar a rendabilidade das explotacións é a de reducir os custos de producción por medio do aumento da base territorial e de prácticas mais sustentables e con menos dependencia de insumos externos, este é, precisamente é o obxectivo do CES.

Desde a Federación Rural Galega-FRUGA, denunciamos que as explotacións acollidas a estas axudas non reciben o apoio preciso por parte da Consellería do Medio Rural. Tampouco comprendemos como se desprotexe ás comarcas máis desprotexidas de Galiza; boa parte das explotacións que reciben o CES atópanse nas zonas agrícolas desfavorecidas de montaña e de despoboamento, co cal se agudiza o problema de perda de poboación do rural.

 

A XUNTA DE GALIZA RECUOU TRAS AS PRESIÓNS FEITAS POLA FRUGA

As bases do CES do ano 2010 marcan o prazo máximo para resolver as novas solicitudes e ampliacións de compromisos, pero a Xunta de Galiza non resolveu como era a súa obriga, deixando nunha clara indefensión aos solicitantes das mesmas. Consecuentemente, moitos gandeiros e gandeiras solicitaron as oportunas explicacións, sen recibir contestación oficial sobre o estado de tramitación e resolución das axudas solicitadas, e mesmo sen sequera asegurar se existía ou ía existir finalmente resolución que puxera fin ao procedemento.

Posteriormente, a Consellería do Medio Rural (CMR) convocou ás entidades colaboradoras na tramitación da PAC (Política Agraria Común) os dia 21 e 24 de xaneiro de 2011, onde se atopaban algunhas das entidades que tramitan o CES, e comunicaba por escrito “non seguir traballando na xustificación das novas solicitudes do CES tramitadas no 2010” polo que se entendia que non ía ser aprobada nengunha delas.

Ante esta situción, a FRUGA reaccionou por unha banda denunciando públicamente a situación nunha rolda de prensa convocada polo BNG no Parlamento de Galiza na que participaron afectados por esta situación e membros da FRUGA, o día 4 de febreiro na que se denunciou a falta de resolución das novas solicitudes do CES tramitadas no 2010. A CMR, pouco despois, anunciou nun comunicado que serían “aprobadas o antes posible”

En vista de que as promesas do Sr. Conselleiro non se cumplían  e que moitos gandeiros solicitaron as oportunas explicacións, sen recibir contestación por parte da Consellería, o 23 xuño deste ano, gandeiros pertencentes á FRUGA presentaron queixas ante o Valedor do Pobo para que este organismo ditara resolución e recomendara á Consellaría do Medio Rural a proceder a resolver e notificar expresamente as axudas do Contrato de Explotación Sustentable no ano 2010 e a absterse no futuro a emprender prácticas dilatorias na resolución das convocatorias das axudas.

Estas queixas ao Valedor do Pobo foron admitidas a trámite poucos días despois, polo cal o propio Valedor entende que hai indicios máis que suficientes que recoñecen a indefensión dos solicitantes.

Todo isto tivo os seus froitos o pasado venres 26 de agosto, cando a CMR publicou do DOG un reaxuste orzamentario para facer frente ao pagamentos derivados das novas solicitudes do CES na campaña 2010 así como as ampliacións de compromisos.

Trátase de 837 novas solicitudes, é dicir, 837 explotacións máis que cobrarán o CES, que se suman ás 3754 que xa o viñan cobrando ao telo aprobado con anterioridade.

O gandeiro do Deza Gonzalo Vila e a responsábel da FRUGA na comarca e membro da Dirección, Iria Villar, na comparecéncia de prensa celebrada en Lalin.