A mesma Constitución que resulta intocábel cado se trata de reclamar o direito à autodeterminación dos povos do Estado é reformada dun dia para outro, sen ter en conta a opinión da sociedade, para contentar ao grande capital.
O mundo rural será novamente un dos que máis sufra as consecuencias da reforma cos previsíbeis recortes nos servizos públicos e nos servizos sociais.
Compostela, 13 de setembro de 2011.- A Federación Rural Galega, FRUGA, é unha das asociacións convoncantes da concentración que o vindeiro sábado 17 de setembro ás 18:00 horas vaise celebrar na Praza da Quintana en Santiago de Compostela en contra da reforma da Constitución. Desde FRUGA entendemos, e así foi explicitado sen ningún tipo de rubor polo PP e o PSOE, que esta reforma ten como único obxectivo satisfacer aos “mercados”, isto é, ao capital financeiro-especulativo responsábel da situación de crise na que nos atopamos, e que non vai axudar a saír deste estado nin mellorar a situación na que se atopa a maioría do pobo, en especial o do mundo rural.
Impedir o déficit público nunha situación como actual, sumado á negativa tanto do PP como do PSOE de aumentar os ingresos vía fiscalidade progresiva, control da fraude, nova política impositiva nas transaccións especulativas, nova regulación das sicavs, etc., vai traer como consecuencia unha diminución importante dos recursos das administracións. Ao mesmo tempo, na reforma determínase a prioridade absoluta de que os recursos públicos teñen que ser destinados en primeiro lugar a satisfacer os compromisos co capital financeiro, e despois, co que quede, manter as inversións públicas, os servizos sociais e os servizos públicos. Non fai falla ser un experto en economía para concluír que o risco de mantemento dos servizos públicos é máis que evidente, e a posibilidade da súa privatización unha opción desexada e explicitada por quen promove a reforma. Posibelmente ese sexa o obxectivo fundamental dos “mercados” ao impor está reforma, poderse facer co negocio tan apetitoso dos servizos públicos e sociais.
No mundo rural padecemos unhas infraestruturas cativas, uns servizos públicos deficitarios e de menor calidade que noutras zonas do territorio, polo que un empeoramento no seu financiamento global será especialmente lesiva para o mundo rural. Nun horizonte de privatización a desaparición dos servizos públicos no mundo rural será o resultado lóxico da procura exclusiva de rendibilidade económica e lucro monetario.
Ao mesmo tempo esta reforma incide na recentralización do estado español ao obrigar ás comunidades autónomas aos mesmos compromisos, negando, polo tanto, a nacións como Galiza, á mínima capacidade de autogoberno e deseño de políticas propias para situacións propias como as que aquí vivimos. Un mundo rural como o galego, coas súas especificidades de dispersión e envellecemento da poboación, require de políticas públicas decididas no gasto se queremos manter un rural vivo, con futuro e cunhas condicións de vida adecuadas. Cousa que parece non querer o noso presidente Núñez Feijoo, que cun espírito propio de querer ser o máis listo da clase, non só non defende o autogoberno galego e a capacidade de atender ás necesidades especificas de Galiza, se non que quere ser máis papista que o Papa e determina tamén un tope de gasto para o Goberno Galego.
Por todo isto a FRUGA fai un chamdo a todas as persoas do mundo rural galego a participar no acto que este sábado se celebra en Compostela. Ficar na casa só será entendido polo capital especulativo como sinal de que poden apertar aínda máis aos gobernos e ao pobo na súa ambición sen límites.