Non existen razóns obxectivas para este peche que deixa a moitas explotacións da comarca e de bisbarras próximas nunha peor situación para a xestión das súas explotacións.
Santiago de Compostela, 15 de setembro do 2011. Na Federación Rural Galega, FRUGA, non entendemos nin podemos compartir a decisión do PP no Concello de Santiago de pechar o mercado de gando de Amio. Unha decisión tomada unilateralmente polo Goberno Municipal, non sabemos baixo que criterio, sen consultar cos afectados nin moito menos escoitar o que os usuarios de mercado puideran dicir. Unha decisión tomada ás presas e sen ter en conta os inconvenientes e repercusións negativas que poda traer para moitas explotacións e para a propia cidade de Santiago.
O mercado de gando de Amio é a continuación de máis de 120 anos de tradición de mercado gandeiro na cidade de Santiago que o seu actual goberno municipal quere eliminar tan ledamente de golpe. Amio é unha marca de calidade coñecida internacionalmente, cun volume de negocio de arredor de 1 millón de euros por feira, ten hoxe 52 días de ocupación ao ano e vendas de 2.400 cabezas de gando todas as semanas cun nivel de transaccións que xa quixeran para si outros mercados. As posíbeis deficiencias que podan ter as actuais instalacións no deben ser razóns para acometer o seu peche, se non que se teñen que procurar maneiras de solventalas.
Non existen polo tanto razóns obxectivas para a súa eliminación. A non ser unha visión “urbanita” e paleta do actual goberno municipal de entender o mundo rural como un atraso, algo a eliminar na súa visión paifoca do que ten que ser Santiago, unicamente unha cidade de servizos vinculados ao turismo. Poren, Santiago é a cabeceira dunha comarca natural eminentemente agraria, e rodeado doutras moitas (Barcala, Xallas, Ordes, Soneira, Arzúa, etc) tamén fundamentalmente agrarias, e que teñen no mercado de Amio o seu centro referencial de transaccións, aportando á cidade diversificación económica e fluxos económicos importantes.
Esta decisión ademais de negativa para o sector e para a cidade, e de ser tomada unilateralmente en forma de imposición aos usuarios, resulta a todas luces improvisada e feita ás presas, pois o propio Goberno Municipal recoñece non ter tomada decisión algunha de que facer coas instalacións que quedarán valeiras e sen uso en Amio. Esta é a mostra máis evidente de que esta decisión non responde á cuestións obxectivas e só pode ser entendida na perspectiva de desmantelamento do mundo rural que está a acometer o PP en Galiza.
Por todo isto a FRUGA fai un chamamento ao Goberno Municipal de Santiago a que reconsidere a decisión de pechar o mercado municipal de Amio e que abra canles de diálogo e interlocución co sector antes de tomar calquera tipo de decisión.