FRUGA SOLICITA ENTREVISTARSE CON JUÁREZ PARA ABORDAR A SITUACIÓN DE ALIMENTOS LÁCTEOS

Cartóns de "Deleite" ofertados en supermercados por baixo do coste de produción, situación denunciada no seu dia pola FRUGA.

O conselleiro ten que dar explicacións sobre a situación da pranta de Outeiro de Rei, logo da sua activa participación na constitución de “Alimentos Lacteos” e o apoio económico da Xunta.

Esta solicitude de entrevista é un dos acordos adoptados na Asembleia do Sector Lácteo celebrada en Silleda o pasado 26 de agosto

Lugo, 23 de setembro de 2011.- No dia de onte apresentou-se no rexistro central da Xunta a solicitude de entrevista coa que FRUGA pretende coñecer de primeira mao a situación económica real da empresa auspiciada pola Xunta, asi como as suas perspectivas de futuro. Podes ler o documento achegado ao conselleiro a continuación: 

Á ATENCIÓN DO SR. CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL, SR. SAMUEL JUÁREZ.

 

Dende a Federación Rural Galega, FRUGA, estamos moi preocupados polo estado no que se atopa o sector lácteo galego, preocupación que imaxinamos comparte vostede. De especial relevancia neste momento é a situación que atravesa a empresa Alimentos Lácteos, empresa que foi constituída co apoio económico e institucional da Xunta de Galiza e do Goberno do que vostede forma parte.

Neste momento parécenos fundamental para a clarificación da situación, para crear confianza e axudar a manter unha industria láctea galega, así como un sector produtor viábel económica e socialmente, que dende o Goberno Galego se traballe en dúas direccións:

–         Clarificar a situación económica de Alimentos Lácteos, expondo claramente as contas e balances económicos da súa xestión e propoñendo camiños de viabilidade críbeis para o seu futuro. O Goberno Galego ten unha responsabilidade fundamental na creación e impulso desta sociedade, polo que non pode, nin debe, mirar para outro lado nestes momentos de dificultade e confusión.

–         Garantir o pago e a recollida do leite das explotacións que forman parte das cooperativas asociadas a este proxecto empresarial.

Só traballando nestes dous sentidos pódese acadar o obxectivo, que seguramente vostede tamén comparte, de dotarnos dun sector produtor lácteo potente, con futuro e viabilidade, que aporte vida e dinamismo ao noso medio rural, así como un sector industrial e transformador de capital galego que garanta o mantemento do sector produtor, a creación de riqueza e a non dependencia de capital foráneo para a supervivencia do sector lácteo galego.

E por todo isto que lle solicitamos unha entrevista para tratar estes asuntos, así como outros que vostede considere, na seguridade de que compartimos obxectivos comúns, e que o diálogo e os acordos entre todos os actores do mundo rural galego é o mellor camiño para acadar eses obxectivos.

Agardando a súa pronta resposta, receba un cordial saúdo.

Santiago de Compostela, 21 de setembro do 2011