Organización Galega de Montes en Man Común, Federación Rural Galega e Adega presentan conxuntamente máis de 70 alegacións a esta norma, algo que tamén fixo a CIG e 9 mancomunidades de montes ademáis de 60 comunidades de montes.
É a primeira vez que un rascuño sobre Lei de Montes recibe tantas alegacións.
Vigo, 30 de setembro de 2011.- O secretario confederal de Medio Ambiente da CIG, Anxo Pérez Carballo, considerou que de cara á aprobación dunha normativa sobre o monte galego, deberíase buscar o apoio da sociedade e de todos os grupos políticos parlamentarios.
Por iso, pediu que se retire o borrador e se faga un novo froito do consenso, estimando que co actual texto en vez de recuperar o monte se enchería de eucaliptos e de empregos en precario. Así mesmo, recordou que xa había un texto consensuado coa anterior Xunta, se ben indicou que están dispostos a debater sempre que exista un espazo de consenso. Entre outras cuestións, Pérez Carballo criticou que, segundo o borrador, a Xunta non se declara autoridade política garantista dos dereitos que teñen os cidadáns a un medio sostible e digno e, ademais, bota balóns fóra no que respecta ao ámbito laboral, ao non definir as figuras distritos forestais. Por iso, temeu que no futuro se avogue pola súa desaparición e privatización. Así mesmo, denunciou que, con este borrador, a mala xestión en materia de prevención e extinción de incendios que, ao seu xuízo, se está a dar actualmente, vaise ir prorrogando de forma case eterna. Tamén denunciou un abandono do rural, afirmando que a lei só pensa na industria madeireira dende o punto de vista do gran negocio e esquilmar recursos naturais e esquece outras formas de riqueza como a biomasa, o turismo e sendeirismo ou a alimentación.
Pola súa banda, o responsable da Organización Galega de Montes en Man Común, José Alfredo Pereira, amosou o seu rexeitamento a cuestións do borrador do texto como que se sitúa ao monte veciñal no ámbito das titularidades privadas e non na titularidade comunitaria ou veciñal. Tamén criticou que só se aposta polo aspecto forestal dos montes veciñais e non polo multifuncional, ao tempo que considerou que se colocan os primeiros marcos para proceder á privatización dos montes veciñais e de mancomún. De igual modo, entre outras cuestións, indicou que se arrinca ao monte veciñal de todo tipo de protección e queda a expensas de intereses económicos e urbanísticos e que elimina as obrigas da Administración no deslinde de montes veciñais.
Pola súa banda, o voceiro da Federación Rural Galega, Marcos Reboredo, criticou que o espírito da lei está baseado no aproveitamento da madeira, o que, segundo mantén, suporá o cultivo de especies de crecemento rápido como eucaliptos e piñeiros. Así mesmo, rexeitou o feito de que case non se mencionen os cultivos enerxéticos, de forma que se deixará a planificación segundo o interese dese sector; a redución da distancia de seguridade –nos incendios– en núcleos rurais e que abre a posibilidade de reforestación de terras agrarias e que non se resolve o minifundismo da propiedade.
Finalmente, o representante de Adega, Xoán Vilaboa, criticou unha falta de carácter integral da lei pola ausencia de conexión con aspectos agrarios, sociais e ambientais, que non se fai fincapé na prevención de riscos en actividades vinculadas ao monte ou a redución da capacidade de intervención da Administración, entre outras cuestións.
Os representantes das catro organizacións explicaron que actualmente están nunha fase de trasladar as súas opinións á sociedade, pero que están dispostos a asumir máis fases –non descartando mobilizarse se o actual borrador segue adiante sen modificacións–.