
FRUGA foi a primeira organización agraria en denunciar a manobra orquestrada desde a Xunta do PP para descabezar a iniciativa liderada por FEIRACO e entregar-lle a factoria de Outeiro de Rei a Eugenio Montero, presidente de “La Arzuana” e tenente de alcalde do PP en Touro.
Alimentos Lácteos arrastraba perdas de 3,5 millons de Euros ao peche de 2010.
A 31 de decembro tiña devedas de 13 millons con proveedores/as e acreedores/as, entre os que se atopan as próprias cooperativas que fan parte do proxecto.
Compostela, 5 de outubro de 2011.- Tal e como vaticinaba FRUGA hai agora case dous anos, a manobra do Partido Popular para descabezar a iniciativa de FEIRACO e dun número importante de cooperativas do País, e que ben poderia desembocar na criazón do Grupo Lácteo Galego, está a levar à bancarrota à pranta de Outeiro de Rei e con ela às cooperativas que ainda se resisten a abandonar o proxecto empresarial liderado polo “popular” Eugenio Montero, home de confianza de Romay Beccaria. Precisamente son as cooperativas e con elas os seus sócios e sócias produtores de leite os principais damnificados/as por unha pésima xestión que fai que se lles adeveden 13 millons de euros. Esta situación agónica de Alimentos Lácteos fai que sexa un dos piores pagadores no mercado galego do leite, tanto en prezos como no tempo meio de pagamento, que acostuma superar os tres meses.
Pero se responsábeis son os xestores da empresa, non menos culpa ten a Xunta de Galiza, e nomeadamente o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, erixido en principal valedor da opción liderada por “La Arzuana”, cuxo proxecto avalou con 5 millons de Euros procedentes do IGAPE ou, o que é o mesmo, do peto de todos os galegos e galegas.
A XUNTA TEN QUE INTERVIR: GRUPO LÁCTEO GALEGO.
Desde a FRUGA non podemos menos que exixir da Administración autonómica a asunción do seu erro e posta en prática de accións encamiñadas a solventar este problema que ela mesma criou co seu entrometimento logo do preacordo asinado entre FEIRACO e o Grupo Leche Pascual, proprietário da pranta de Outeiro de Rei. Novamente ten ante si a posibilidade de emendar a sua actitude de permanente pasividade diante dos problemas que rodean ao sector lácteo na Galiza pondo os alicerces do Grupo Lácteo Galego, contando agora ademais coa pranta de CLESA en Caldas de Reis, ameazada de peche e cun ERE recentemente anunciado grazas à xestión doutro “amigo da casa”, Ruiz Mateos.
Asi mesmo a Xunta debe lembrar que detrás destas cooperativas, e como principais afectados/as pola mala xestión dos administradores avalados por Juárez están os gandeiros e gandeiras que están a entregar o seu leite sen garantías de poder cobrá-lo e coa incerteza da sua recollida, polo que urxe tomar medidas sérias e inmediatas que protexan aos nosos produtores e produtoras de leite, xa que a Xunta non pode estar permanentemente ausente dos problemas do agro deste País.