FRUGA, ASTRAGAL e Rede galega de Empresas, asi como outros colectivos profesionais e sociais de Compostela coinciden en criticar a medida adoptada polo Concello de Compostela de clausurar a feira gandeira mais importante do norte do Estado.
O sábado 15 convoca-se unha asemblea aberta a todos os colectivos sociais, sindicais e politicos para recabar a sua opinión e o apoio à continuidade da feira.
Compostela, 14 de outubro de 2011.- Na mañá de onte celebrou-se na capital da Galiza unha rolda de prensa para denunciar a decisión unilateral do Governo Municipal de Compostela de clausurar a feira de gando que se ven celebrando na cidade desde hai mais de un século. Esta decisión, xa criticada por FRUGA, amosa o desprezo que desde o Partido Popular e particularmente o mandatário local Gerardo Conde Roa, senten polo rural galego. Asi, e en plena crise non só no campo senon na sociedade en xeral, pretende-se pechar unha actividade que move cada ano perto de 50 millons de Euros, moito por riba de outras feiras que se celebran na Galiza (Silleda move ao redor de 18 millóns e Castro ao redor de 9) e mesmo do resto do estado (só Torrelavega é quen de achegar-se-lle con 46 millóns facturados en 2010). Lembrar que esta feira serve de ponto de venda a boa parte das mais de 500 explotacións gandeiras que subsisten no termo municipal de Compostela, e son vários milleiros as explotacións da comarca que utilizan Ámio para a venda dos seus animais.
Ademais, e mentras Conde Roa se laia da falla de ingresos nas arcas municipais, renúncia con esta medida aos 100.000 euros que esta actividade reporta ao Concello anualmente polos direitos de uso das ditas instalacións. Ademais son outros moitos os sectores afectados, como a hostalaria da cidade e do entorno da feira, que ten nesta actividade a sua principal fonte de ingresos.
Desde a FRUGA consideramos irrenunciábel a continuidade da Feira en Compostela, e criticamos o translado da actividade a Silleda, tal e como pretende o PP de Compostela.