O Comisario Europeo de Agricultura e Desenrolo Rural ven de apresentar as propostas lexislativas para a reforma da PAC.
Unha das orientacións que parecen claras na nova PAC é a de vencellar as axudas á superficie. O actual goberno da Xunta desmontou e inhabilitou todas as medidas postas en marcha para facerlle fronte ao problema da pequena dimensión das explotacións galegas.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2011.- O caso paradigmático é o desmantelamento do Banco de Terras, a mellor ferramenta coa que contaban ás explotacións galegas para aumentar a súa base territorial e, no caso específico das explotacións gandeiras, a mellor formar de conseguir explotacións menos dependentes de insumos externos para a alimentación e, polo tanto, lograr explotacións máis rendíbeis economicamente pero tamén máis sostíbeis ambientalmente.
Outro exemplo de políticas da actual Xunta que repercutirán negativamente no futuro das explotacións galegas no marco da nova PAC é a proposta da nova Lei de Montes, á que a FRUGA ten presentado alegacións, e que elimina a prohibición de forestar terras agrarias.
Así pois, medidas como o desmantelamento do Banco de Terras e a forestación de terras agrarias, das que é responsábel directo o Goberno da Xunta do PP, impedirán que as explotacións galegas teñan futuro no marco lexislativo que propón a nova PAC.
Por outro lado, outra das orientacións centrais na reforma da PAC ten a ver co impulso das boas prácticas medioambientais e a consecución de explotacións máis respectuosas co medioambiente.
Xa sinalamos antes repercusións negativas neste sentido co desmantelamento do Banco de Terras, pero é que a Consellería do Medio Rural está empeñada na eliminación do Contrato de Explotación Sustentábel, CES, pondo problemas na execución das súas liñas de actuación, na ampliación de compromisos e na súa continuidade futura.
O CES foi o mecanismo posto en marcha para axudar ás explotacións agrogandeiras galegas no camiño de lograr a súa sustentabilidade ambiental. A ferramenta coa que contan as explotacións galegas para acadar o obxectivo de sustentabilidade que marca a nova PAC está sendo torpedeado a mantenta polo Goberno Galego. Lembrar que foi a FRUGA a que desenvolveu unha intensa campaña en contra dos recortes impostos pola Consellaría no CES, e que parece que cando menos logrou os seus froitos no que ten a ver coa campaña 2010.
Ante esta realidade resultan hipócritas as declaracións do Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez realizadas no día de hoxe despois da reunión celebrada entre o Goberno de España e as Comunidades Autónomas, nas que responsabilizaba ao Goberno Español das repercusións negativas que está reforma terá para o agro galego. Lamentaba o Conselleiro que o Goberno de España non estivera máis activo á hora de influír na elaboración da proposta, toda vez que a proposta era pública pois se tiña filtrado o seu contido xa fai máis dun ano. Si isto é así, e a Consellaría coñecía os eixos básicos da reforma dende fai máis dun ano, resulta aínda máis escandalosa a liña política emprendida polo Goberno Galego sabendo as repercusións negativas que tería para o agro galego.
Todo isto, exemplifica ás claras a forma de actuar do Goberno de Núñez Feijoo, culpabilizar aos outros do que acontece en Galiza, e non asumir nunca as responsabilidades da súa acción de Goberno, nin aproveitar as competencias nas súas mans para mellorar o futuro do noso agro.
Non será FRUGA quen negue responsabilidades ao Goberno do estado, pero como galegos e galegas temos que esixir á Xunta de Galiza, tamén as responsabilidades que lle corresponden, que como vemos neste caso son moitas e relevantes.
Así pois esiximos da Xunta de Galiza e da Consellaría do Medio Rural, unha rectificación clara na súa liña política, pois estamos vendo que hipoteca o futuro e a viabilidade das explotacións agrarias e gandeiras de Galiza. Pola nosa parte, e no noso ámbito de actuación, traballaremos para que a reforma da PAC non sexa lesiva para o sector agrario galego e garanta a súa viabilidade e o seu futuro.