Fruga concorda en que “Si, existen alternativas” ás postas en marcha para sair da crise .
Compostela, 20 de outubro do 2011.- A Federación Rural Galega, Fruga, quere amosar a súa intención de participar na manifestación que a CIG ten convocada para este domingo 23 de outubro baixo o lema: “Si, existen alternativas. En defensa do emprego e dos servizos públicos”. Compartimos os obxectivos da convocatoria e a súa oportunidade e necesidade.
As políticas desenvoltas no medio rural galego, con especial responsabilidade da Xunta de Galiza, non fixeron máis que traer o peche de explotacións, o descenso de activos agrarios e o abandono e a consecuente desertización do medio rural galego. Todas estas políticas, executadas pola Xunta do PP, están enmarcadas nos presupostos do neoliberalismo económico, coa UE e a súa Política Agraria Común como grandes guieiros deste modelo que está destruíndo a nosa capacidade productiva agraria.
Por iso é máis urxente que nunca manifestar claramente que isto é o resultado dun modelo económico concreto pero que hai outras alternativas. Hai que desmontar as falsidades utilizadas para aplicar as políticas de recortes e propor á cidadanía que existen alternativas, pero hainas que enmarcar dentro dun modelo económico e social distinto ao capitalista neoliberal.
Así pois animamos a todas as persoas do mundo rural galego a participar na manifestación do domingo 23 de outubro.