Fruga súmase a concentración de mañá sábado ás 12h na Pobra de Trives en defensa dos nosos montes e para esixir solucións a Xunta para os gandeiros e veciños afectados .
Compostela, 21 de outubro do 2011.– Estes últimos días a cidadanía galega asistiu atónita a unha nova mostra de incompetencia por parte do Goberno da Xunta. Ante a dimensión dos incendios que estaban a arrasar a provincia de Ourense, o Goberno Galego limitouse a manifestar que todo se reducía a un problema de delincuencia e que polo tanto a solución era responsabilidade do Goberno do Estado. A súa pasividade e manipulación de datos só fixo agravar a situación ata levala a dimensións de catástrofe.
A finais de setembro o conselleiro Samuel Juárez anunciara uns triunfalistas resultados da campaña antincendios e mandara para a casa ás brigadas da Xunta, desmontando o operativo e dando por concluída a tempada de incendios, cando coas condicións climáticas que se estaba a producir indicaban o precipitado e a temeridade desa forma de actuar. A isto hai que engadirlle a eliminación por parte da actual Consellaría das medidas de prevención, das axudas á multifuncionalidade do monte, a eliminación das axudas ás comunidades de montes e a eliminación das unidades veciñais de vixilancia forestal e do voluntariado do monte entre outras moitas medidas. Todo isto, unido á pasividade da Xunta unha vez producida a actividade incendiaria, desembocou nunha catástrofe de enormes dimensións na provincia de Ourense.
Máis alá das importantísimas repercusións ecolóxicas e ambientais, non nos podemos esquecer nestes momentos das repercusións que para moitas explotacións gandeiras da provincia está a ter esta catástrofe. Son moitas as explotacións que quedaron materialmente sen superficie, e sen posibilidade de manter o seu gando. A provincia de Ourense é a que máis sufre o problema do abandono do medio rural, que axuda a que acontezan catástrofes como esta, e a que xa conta con o menor número de explotacións gandeiras, moitas delas son o recurso económico fundamental que permite que sigan vivas amplas zonas do rural ourensán que sen a existencia de esta actividade agraria estarían definitivamente mortas.
Por iso dende FRUGA esiximos á Consellería do medio rural que desenvolva urxentemente liñas de axuda para estas explotacións que se atopan en situación de emerxencia. Non poden seguir asentados os nosos gobernantes na pasividade e na incompetencia e transformar esta catástrofe tamén nunha catástrofe humanitaria que desemboque no peche de explotacións, no abandono das zonas afectadas, e na morte da actividade agraria na provincia de Ourense.
Por esta e outras razóns FRUGA participará activamente na concentración que mañá sábado ás 12 h se vai celebrar da Pobra de Trives en defensa dos nosos montes e para esixir á Xunta de Galiza solucións para os gandeiros e veciños afectados.