FRUGA RESPONSABILIZA Á XUNTA DE GALIZA DO INCENDIO QUE ESTE FIN DE SEMANA ARRASOU A RIBEIRA DE PIQUÍN

Máis de 350 Ha arderon perante a falta de política de prevención de incendios do Goberno do Partido Popular

Lugo, 25 de outubro do 2011. Este fin de semana a provincia de Lugo asistiu atónita a unha nova mostra de incompetencia por parte do Goberno da Xunta. O Concello da Ribeira de Piquín sufríu un incendio cunha superficie afectada de máis de 350 Ha con graves consecuencias para o medio rural no seu conxunto, ademáis de ser unha catástrofe ecolóxica e ambiental.

Pola súa parte, ante a dimensión dos incendios que se están a dar en Galiza, o Goberno Galego limítase a manifestar que todo se reduce a un problema de delincuencia e que polo tanto a solución é responsabilidade do Goberno do Estado.

O Concello da Ribeira de Piquín ten unha superficie forestal de máis do 70% do total, e xa a finais do mes de Xuño un primeiro incendio acontecido na Parroquia de Os Baos, que afectou a unha grande superficie, xa avisou do que podía acontecer este ano, pero iso non impedíu que a finais de setembro o conselleiro Samuel Juárez mandara para a casa ás brigadas da Xunta, desmontando o operativo e dando por concluída a tempada de incendios, cando coas condicións climáticas que se estaba a producir indicaban o precipitado e a temeridade desa forma de actuar.

A Xunta de Galiza non ten unha política de prevención de incendios, este debe facerse con anterioridade á campaña de risco de lumes, “no inverno”. A actual Consellaría eliminou as axudas á multifuncionalidade do monte, as axudas ás comunidades de montes, as unidades veciñais de vixilancia forestal e do voluntariado do monte entre outras moitas medidas. Incluso no anteproxecto da Lei de Montes de Galiza que se espera que se aprobe próximamente, redúcese a faixa de seguranza ás vivendas ao verse reducida considerablemente a distancia de protección entre as casas e as plantacións forestais.

A Xunta tampouco fai nada para fomentar o aumento da superficie agraria útil destinada a fins produtivas, que verdadeiramente, é a mellor medida para frear o avance das lapas, medidas como o Banco de Terras entán infrautilizadas e incluso hai concentracións parcelarias no Concello de Ribeira de Piquín paralizadas desde hai máis de 20 anos, de maneira que boa parte dos labregos que esperaban por ela xa están xubilados.

Por outra banda, cómpre sinalar que durante o anterior Goberno da Xunta, un grupo de labregos, por iniciativa propia, a través dunha Cooperativa de horta incentivaron a actividade agraria na zona cultivando as marxes do río Eo e, deste xeito, xerando Suferficie Agraria Útil, que fixo de corta lumes e evitou un desastre maior.