A manifestación sairá às 5.30 da tarde da Alameda de Compostela.
FRUGA fai parte da plataforma que defende a continuidade da Feira semanal de Ámio, todo un referente a nível estatal.
O Partido Popular, neste caso con Conde Roa ao frente, continua coa súa política de destrución do agro galego.
Compostela, 10 de novembro de 2011.- O mercado de gando de Compostela, situado en Amio, é o mercado de gando de todo o estado español que mais movemento económico xerou o ano pasado de 2010, ascendendo a cifra de negocio a 49 millón 336 mil euros, ficando por diante dos mercados de Torrelavega e de Pola de Siero, con 46 millóns 432 mil euros e 43 millóns 326 mil euros respectivamente e moi por diante do de Salamanca que só alcanzou a cifra de 16 millóns 347 mil euros.
Ademais non se entende que unha administración queira renunciar a uns ingresos fixos, mais de 100 mil euros anuais, e menos nestes tempos de crise que corren, como parece ser que quere facer o goberno municipal de Compostela ao pretender pechar o mercado de Amio. A austeridade pasa, en primeiro lugar, por non perder os ingresos de que se dispón e non facer gastos suntuosos nin superfluos.
A economía das 557 explotacións gandeiras censadas no termo municipal de Compostela e a das mais de 2.500 censadas na comarca, no caso de pechar o mercado de Amio, vaise ver directamente afectada ao ter que asumir os custes do transporte dos nosos animais a outros mercados mais distantes.