MILLEIROS DE PERSOAS POLA PERMANÉNCIA DA FEIRA DE GANDO EN COMPOSTELA

Compostela, 14 de novembro de 2011.- Na tarde do sábado perto de 3.000 persoas ateigaron as rúas de Compostela para protestar polo peche da feira de gando, convocados pola Plataforma Cidadá de Apoio à Feira de Ámio, da que fan parte diferentes colectivos e asociacións de Compostela e a súa comarca, entre eles a FRUGA. No decorrer da mesma corearon-se diferentes consignas pedindo a permanéncia da feira na cidade e criticando a actitude do rexedor municipal de Compostela, Gerardo Conde Roa. Moitos e moitas dos presentes estaban especialmente indignados/as polo que consideran unha “traición” do alcalde da cidade, que no seu dia defendeu a continuidade da feira cando esta fora cuestinada polo anterior rexedor municipal e que agora, apenas tres meses despois de asumir o mando do Concello, quer ser pechada sen nengún tipo de explicación veraz e séria e sen ter en conta a opinión dos seus usuários e usuárias. De feito, en conversas mantidas con representantes de colectivos adscritos à Plataforma chegou a recoñecer que a decisión tomada era estrictamente política, esquecendo que como alcalde de Compostela se deve ao seu concello e, portanto, à defensa dos intereses dos seus veciños e veciñas e a tan só cen dias de tomar posesión do seu cargo. Asi, é evidente que pesan mais as estratéxias de partido, neste caso, o intento de reflotamento das instalacións da “Semana Verde” de Silleda, onde se pretende que gandeiros e tratantes desloquen a súa actividade, que a defensa dunha actividade que reporta importantes ingresos tanto aos gandeiros e gandeiras do concello e a súa área de influéncia como às próprias arcas municipais.

Agora a pelota esta no tellado do Pazo de Raxoi, e terá que ser Conde Roa quen decida se quer seguir na senda do enfrentamento e da destrución de riqueza, ingresos e postos de traballo que representa a Feira de Ámio, ou se pola contra se deve en exclusiva às ordes do Conselleiro Rueda e o seu partido, e decide pasar à história da cidade como o alcalde que eliminou unha feira con case mil anos de história.

A continuación reproducimos o manifesto que se leu ao final do acto:

Veciños e veciñas de Compostela e da sua comarca.

Amigas e amigos todos.

Encontramo-nos hoxe aqui para manifestar a nosa total oposición ao peche, que pretende levar a cabo o goberno municipal de Santiago de Compostela, das instalacións do mercado de gando de Amio.

O mercado de gando de Santiago de Compostela situado em Amio, é o mercado de gando de todo o Estado Español que mais movimento económico xerou o ano pasado de 2010. A cifra de negocio ascendeu a 49 millóns 336 mil euros, ficando por diante dos mercados de gando de Torrelavega e de Pola de Siero, onde se moveron 46 millóns 432 mil euros e 43 millóns 326 mil euros, respectivamente e moito por diante do mercado de Salamanca que só alcanzou a cifra de 16 millóns 347 mil euros.

Bem certo é que Santiago de Compostela non se pode nen se debe comparar com Torrelavega ou com Pola de Siero, mas si que se pode comparar com unha cidade histórica como é Salamanca, e polo que se sabe nestes momentos, na cidade de Salamanca non se está a discutir a posibilidade de pechar o seu mercado de gando, como si se está a fazer na de Santiago de Compostela por parte do seu próprio goberno municipal.

O que resulta ainda mais incomprensíbel é que os responsábies de unha administración queiran renunciar a unhos ingresos fixos, mais de 100 mil euros, e menos nestes tempos de crise que corren, como parece querer facer o goberno municipal de Compostela, encabezado polo señor Conde Roa, ao querer pechar o mercado de gando de Amio. A maiores da perda destes ingresos tamém debemos reseñar que a desaparición da feira de Santiago vai supor a perda de ingresos para o sector servizos como o da hostelería e hotelería , o dos talleres de reparacións e demais servizos complementares.

Desde aqui atrevemo-nos a lle facer unha recomendación ao señor Alcalde, e é a seguinte: A austeridade, da que tanto falan alguns agora, consiste em primeiro lugar em non perder os ingresos fixos de que se dispon e por outra parte em non fazer gastos suntuosos nem supérfluos, asi que señor Gerardo aconsellamos-lle que non renuncie a esses 100 mil euros que entran todos os anos nas arcas do concello de Compostela, porque o que logo non lle imos a consentir os veciños e veciñas de Santiago é que nos queira subir as tarifas dos servizos ou proceder á redución dos mesmos.

Até o dia de hoxe as xustificacións que se tenhen escoitado por parte da equipa de goberno foron variadas e mesmo curiosas, primeiro falaron de que o mercado daba perdas e acabamos de demostrar que o que dá son beneficios, que é todo o contrario; logo  aduciron que as instalacións estaban em mal estado de conservación o que tamém é falso, quen as queira ver podeas ver todos os mercores coincidindo coa celebración do mercado; despois que non cumplian os requisitos de benestar animal, de ser esto certo non hai ningun mercado gandeiro na Galiza que reuna estes requisitos porque o de Compostela é o mellor dotado para os cumplir. A estas alturas vemos que todas son excusas de mal pagador.

Este goberno municipal non dispon de ningunha razon obxectiva que xustifique o peche destas instalacións.

No que tampouco mostran moita coerencia é cando falan para que serían usada estas instalación no caso de que se botara de ali o mercado de gando; un concelleiro fala de que servirían para fazer unha cidade deportiva, a outra ocurre-se-lle que poderían albergar feiras e exposicións e a outro que poderían server para fazer actividades educativas e de ocio infantil, em difinitiva parece que estan a competir entre eles a ver quen dí a ideia mais absurda e descabelada, mas em concreto nada de nada.

A última ocurrencia foi a de alguen que saiu decindo que hai que trasladar a feira de gando fora de Amio porque impide que poda ser compatíbel com outros usos que poderían contribuir a unha maior dinamización económica de Santiago. Pos bem, a esta xente temos de lles decir que estan moito mal informados, poque as instalacións de Amio son de uso polivalente, xa que nelas se ten compatibilizado o uso próprio do mercado de gando com outros usos, así no ano 2010 entre outros eventos que ali se levaron a cabo son de destacar a instalación da pista de xeo nas festas de natal ou a celebración do forun gastronómico, pasando por distintas feiras de outlet e de antigüidades, por non citar os distintos cursos que se impartiron neste recinto. Nestas mesmas instalacións celebrou-se a festa dos maiores e estivo instalado un circo acuático, ademais da feira da Ascensión e do Apostólo. Todos estes eventos e outros mais que ali tiveron lugar, demostran que non é necesario suprimir a actividade da feira de gando para que nela se celebren outras actividades.

O que lle sobra à cidade de Compostela son lugares para celebrar todo tipo de eventos, temos o multiusos do Sar, a Pazo de Congresos, o Auditorio de Galiza e agora un espazo imenso como é a Cidade da Cultura que até querian que servira de campo de ténis, mirade se non hai sitios onde fazer cousas, e ainda nos esquenciamos das instalacións da vella terminal do aeroporto de Lavacolla.

Fica claro que, de se levar a cabo esta decisión vai perxudicar à cidadanía de Santiago de Compostela, mas a maiores non nos debemos de esquecer de todas aquelas persoas que son as verdadeiras utilizadoras destas instalacións que non son nen mais nen menos que todas aquelas que teñen que ver coa actividade gandeira: operadores comerciais e explotacións agrarias.

A desaparción da feira de Compostela supon un novo ataque aos nosos sectores produtivos, neste caso concreta ao do vacún de carne. Cantas mais trabas se lle poñan à comercialización das nosas producións mais facilidades se lle estaran dando  a que  produccions de fora de Galiza ocupen os nosos mercados, em consecuencia estará-se contribuindo a xera mais pobreza neste noso País. Por iso desde aqui reivindicamos a defensa dos nosos sectores produtivos como unha das mellores maneiras de criar riqueza e manter empregos, nestes momentos de paro galopante.

Xá falamos da importância económica que ten esta feira, mas esta cifra de negocios leva consigo que no recinto de Amio durante o ano 2010 entraran 11 mil turismos e 12 mil camións para poder transportar aos animais, por non falar da cantidade de xente que acude todos os mercores a comer o polbo.

Mas a maiores debe-se ter de conta que a economía das 557 explotacións gandeiras censadas no termo municipal de Santiago de Compostela e a das mais de 2.500 censadas na comarca de Compostela, no caso de pechar o mercado de Amios, vai-se ver directamente afectada ao ter de asumir os custes do transporte dos seus animais a outros mercados mais distantes.

Esta decisión de querer pechar o mercado de gando só pode ser entendida em clave de política partidaria, porque doutro xeito non se pode entender que se queira pechar un mercado que conta com mais de 120 anos de tradición, mesmo hai historiadores que din que a orixe da feira de Santiago de Compostela se remonta ao século XII, para leva-lo a outro lugar que ten problemas económicos debido a súa mala xestión. Pensamos que o conselleiro da Presidencia da Xuta de Galiza, que à sua vez é o presidente da Fundación Semana Verde de Silleda, Señor Rueda, ten muito que ver nesta decisión.

Apostamos pola complementaridade e non pola exclusión, Silleda e Amio podem e deben convivir sem nengun problema. A diversidade é riqueza mentras a concentración só xenera inestabilidade e resta posibilidades, tal como está a demostrar a crise que estamos a padecer.

Por todo isto demandamos-lle ao señor Gerardo Conde Roa, Alcalde de Santiago de Compostela que reconsidere a sua postura de pechar o mercado de gando de Amio.

Animo e Adiante.