FRUGA apresenta o libro “Árbores senlleiras e formacións singulares da provincia de Lugo”

Lugo, 22 de decembro do 2011. Noemí García, coautora da obra, Mario Outeiro, deputado delegado da Área de Cultura de Deputación de Lugo e Lois Martínez, Técnico da FRUGA, presentaron onte na galería Sargadelos de Lugo a guía “Árbores senlleiras e formacións singulares da provincia de Lugo”, obra editada pola FRUGA co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Esta publicación percorre os principais exemplares e masas arbóreas da provincia, acompañados da súa descrición mediante material gráfico, datos morfolóxicos e tamén da súa localización. Nun traballo onde os autores, Noemí García e Pilar Oro do estudio Tenzas e Emilio López, conseguen divulgar e poñer en valor unha parte do noso amplo patrimonio natural.

Este proxecto, alén deste valor natural, tamén fai fincapé noutros coma poden ser o paisaxístico ou o etnográfico, xa que recolle reseñas históricas e saberes do noso acervo popular. Ademáis tamén pretende complementar outras publicacións xa existentes, aportando novidades como son a profundización nas comarcas de Ancares e de A Mariña e mellora na localización das árbores mediante as indicacións precisas e mediante as coordenadas GPS.

Con esta publicación, a Federación Rural Galega-FRUGA, contribúe á sensibilización social e á defensa do noso patrimonio natural, ecolóxico e medioambiental.