A que alguns/has xá deron en chamar a “SOGAMA do Sur” recunca nun modelo caduco, contaminante e seriamente agresivo co entorno e os seus habitantes, como é a incineración.
O Irixo, 2 de Xaneiro 2012.- No Parlamento, a Xunta de Galiza admitiu, no mes de abril de 2011, a existencia dun proxecto da empresa Estela Eólica S.L. para a construcción dunha planta incineradora de residuos sólidos urbanos que podería ter a súa ubicación no concello de Dozón, con cinco plantas de transferencia en: Agolada, Mazaricos, O Incio, Baralla e Chandrexa de Queixa e capacidade para 900.000 T./Ano (o dobre da actual planta de Sogama en Cerceda).
Con anterioridade tíñanse barallado outros lugares para a instalación de outra planta incineradora como Xinzo de Limia, A Peroxa ou Verea. Mais non foi ate o pasado día 5 de decembro, unha vez transcorridos os procesos electorais, cando finalmente o Conselleiro de Medio Ambiente confirmou que a ubicación escollida pola empresa e que conta co beneplácito da Xunta de Galiza é no concello do Irixo nos seus límites con Dozón e Piñor de Cea.
A FRUGA cuestiona este modelo de tratamento dos residuos, baseado na incineración que é un proceso altamente contaminante e que se foi desbotado na maioría dos países do noso entorno e defende un novo modelo baseado na reducción, reutilización e reciclaxe para os residuos inorgánicos e a compostaxe para os orgánicos, método que ademais de ser máis respectuoso co medio ambiente e coa saúde das persoas xera moita máis riqueza e unha maior cantidade de postos de traballo sendo máis eficiente tanto no plano social como no económico.
Esta obra do “Basureiro do SUR” que pretenden situar no concello de O Irixo tería ademais unhas consecuencias moi negativas para o noso sector agrogandeiro e forestal, tanto para a actividade existente no propio concello e na súa comarca onde ademais dunha Cooperativa láctea existen numerosas explotacións gandeiras que deben cumprir cos requisitos de condicionalidade en materia medio ambiental establecidas na Política Agraria Común (PAC) para accederen a numerosas axudas e que poderían verse afectadas e comprometidas por esta actuación, como a súa proximidade coa comarca do Deza que é das máis importantes de Galicia en gandería, producción cárnica e láctea, por non falarmos da comarca do Ribeiro e da súa producción vitivinícola. É obvio que a implantación dunha incineradora é un golpe á proxección e á imaxe de productos de calidade, sans e cunha producción vinculada ao territorio que teñen na actualidade os productos lácteos, cárnicos e os viños producidos neste ámbito territorial, sobre todo nuns mercados nos que os consumidores demandan cada día unha maior garantía de calidade e salubridade.
A FRUGA mostramos o noso contundente apoio ao colectivo agrogandeiro que se verá afectado moi negativamente de seguir a diante esta obra e criticamos duramente a decisión do Goberno Galego en satisfacer ao capital privado por enriba dos intereses dos sectores agrogandeiros que son claves no noso País.
Dado que esta decisión suporá un duro golpe á actividade agrogandeira de todas as comarcas limítrofes, a Federación Rural Galega participará activamente en todas as iniciativas sociais que se leven adiante para tratar de evitar este novo atentado ao Medio Rural.
Desde a FRUGA estamos a organizar xornadas informativas destinadas a informar aos nosos gandeiros e agricultores e abertas a todo público en xeral, das que daremos cumprida conta a través deste e outros medios.