Ao redor de cinco millóns de euros destinados inicialmente a plans de mellora non se van adxudicar para este fin.
Lugo, 1 de febreiro de 2012.- Desde que no ano 1987 se publicou o RD 808 para a Mellora da Eficacia das Estructuras Agrarias, as explotacións agrarias galegas veñen dispondo dunha axuda para facerlle fronte aos seus plans de mellora, así como para a primeira instalación de xovenes e outras medidas de apoio como as destinadas a contribuír a mellorar a eficacia e a sustentabilidade das explotacións agrarias, coa finalidade de garantir un desenvolvemento sustentable do noso espacio rural, e a aumentar o rendemento económico das explotacións agrarias a través dunha utilización adecuada dos factores de produción ligando este coa mellora da calidade das producións, o respecto polo ambiente e a diversificación de actividades.
Con data de 5 de xaneiro de 2011 a Consellería do Medio Rural, publica no DOG a Orde que modifica a Orde de 31 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao tempo que abre o prazo para presentar as solicitudes dos Plans de Mellora, destinando a este cometido un orzamento total de 15 millóns de euros, procedentes nun 57% de fondos europeos, nun 21% de fondos estatais e dun 21% de fondos aportados pola Xunta de Galiza. As axudas podían variar entre un 25% e un 55% do investimento, dependendo do destino do mesmo e da situación xeográfica da explotación solicitante.
Recentemente véñense de resolver estas solicitudes, e moitas delas, aínda que reunindo os requisitos necesarios para a súa aprobación foron denegadas, e noutros casos aínda sendo aprobadas, o que se aproba non é o total do solicitado, é dicir, danse casos que teñen aprobado unha axuda para adquirir unha cisterna e non se lles aproba o plan de mellora para comprar un tractor, o que inviabiliza a realización do investimento.
Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, segundo os datos de que dispomos, denunciamos a denegación do 50% das solicitudes presentadas, e por outra parte calculamos que o total das subvencións aprobadas está en torno a 10 millóns de euros ficando sen gastar uns 5 millóns de euros do total orzamentado para o ano 2011 que ascendía a 15 millóns de euros.
Por todo o anterior desde FRUGA, gustariamos que a señora conselleira do Medio Rural e do Mar nos contestara ás seguintes preguntas: a onde van parar estes cartos europeos que non van ir finalmente destinados para o fin que estaban encomendados, que non era outro que apoiar ás nosas explotacións agrarias e gandeiras?, e por outra parte tamén quereriamos saber; Qué se está facendo coas axudas ao rural que nos está quitando a súa Consellería?