FRUGA, CIG, ADEGA e OGCMVMC amosan públicamente o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei de Caza

O anteproxecto, elaborado por unha empresa externa à própria Administración, pon en cuestión a titularidade dos térreos agrícolas e forestais onde se desenvolve esta actividade.

Deixa en maos dos cazadores a xestión da fauna salvaxe na Galiza e o pagamento polos danos que puidera ocasionar.

Pontevedra, 10 de febreiro de 2012.- Durante a comparecencia perante os médios de comunicación celebrada onte, Xose Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, lembrou que o cinexético é un dos moitos usos que se lle poden dar ao monte, e que non pode de ningunha maneira priorizar sobre outras actividades que  pode acoller. Ademais amosouse especialmente crítico co estebelecemento do chamado “direito de aproveitamento cinexético” que a Lei pretende outorgar aos cazadores a às súas entidades societárias sobre terreos que non son da súa propiedade, chegando a ser cedidos mesmo por tempo indefinido.

Fins Eirexas, da Asociación ecoloxista ADEGA, cuestionou o exercizo da caza e lembrou que cada vez é maior a oposición social a esta actividade, como se ten visto recentemente nos campionatos de caza do raposo celebrados no noso territorio. Eirexas reclamou a participación social tanto na elaboración da Lei como na posterior xestión e ordenamento da actividade cinexética, xa que non é de recibo que sexan exclusivamente os cazadores e os seus colectivos os encargados de regular unha actividade que afecta à meirande parte do território do país. Lembrou que no rascuño apresentado está feito à medida dos cazadores mais “asilvestrados” aos que mesmo cualificou de “escopeteiros” e que con esta Lei mesmo poderían ter espazos onde desenvolver a caza durante todo o ano, sen ter en conta o benestar doutras espécies non cinexéticas e mesmo domésticas que co-habitan no mesmo espazo.

Gabriel López, por parte da FRUGA, citou aqueles apartados da Lei que cuestionan a propriedade “cinexética” dos prédios agrícolas e forestais, asi como as dificuldades que a própria Lei pon para evitar o exercício da caza nos térreos dos propietarios e propietarias que non cedan eses dereito cinexéticos, que mesmo poden ser sancionados. Ademais considerou especialmente grave e con grandes consecuencias para o futuro o feito de que sexa o futuro “Fondo de Compensasión” criado por esta Lei quen sufrague a partir da súa aprovación os danos causados pola fauna salvaxe, e non a Administración, como acontecia até o de agora. Lembrar que este fondo dotaríase coa recadación anual pola extensión das licencias de caza, o que suporía apenas un millón e médio de Euros. Ademais de ser unha cantidade irrisória para sufragar estes danos, supón de facto a “privatización” da xestión da fauna salvaxe, e non só a cinexética, da Galiza, onde a Xunta fica unicamente para extender licencias de caza. Desde a FRUGA lembrou-se que a fauna é patrimómio de todos e todas e non pode ser “xestionada” unicamente por un colectivo com intereses tan definidos e tan cuestinábeis. Ademais lembrouse a porta que se abre à instalación no País de cazadeiros ao estilo mesetário, outro novidade mais desta Lei, que volta amosar ese Partido Popular provinciano que pretende transformar Galiza nun espazo de esparcimento para os “señoritos” de Madrid, tantas veces representado no seu cine e literatura en títulos como “La escopeta nacional” ou “Los santos inocentes”.