FRUGA prepara a súa Asemblea Nacional

Clausura da Asemblea Constituinte coa Direción Nacional eleita.

Terá lugar o 17 de marzo en Silleda.

En breve iniciará-se o debate das teses nas comarcas.

Compostela, 16 de febreiro de 2012.- Logo da celebración de distintos encontros sectoriais preparatorios da mesma, a Asemblea Nacional da Federación Rural Galega xa ten data. Así a partir da semana que ven comezará a apresentación pública e o debate das teses, logo de que a Dirección da FRUGA acordara convocar a Asemblea Nacional para o 17 de marzo.

Ademais dos relatorios sectoriais (vacún de carne, vacún de leite, monte, horta e fruta, pataca e viño) apresentarase para o debate nas comarcas o relatorio marco que estabelecerá as liñas básicas da nosa Organización para o novo período que abre esta Asemblea.

Encontros abertos.

A Dirección Nacional da FRUGA vé especialmente interesante a apertura dos debates ao conxunto do agro galego, polo que se fará especial fincapé na implicación do maior número de homes e mulleres do noso agro no proceso asamblear, especialmente nestes vindeiros encontros comarcais. Se estás interesado/a en participar dos mesmos terás cumprida información do calendario das asembleas proximamente. Só desde a unidade e desde unha visión nidiamente  labrega e nacionalista, e dicer, libre de ataduras e estratexias foráneas, o noso agro será quen de dar respostas as complicadas circunstancias que está a viver,  polo que a presencia de todos e todas os que teñan algo que aportar ao proceso constante de construción do sindicalismo agrario nacionalista encarnado na FRUGA é fundamental.