As últimas declaracións de Feijoo semellan máis unha burla que intención de axudar ao sector gandeiro galego
Lugo, 9 de marzo de 2012.- A situación de escaseza de chuvias está provocando importantes perdas económicas ás
explotacións gandeiras galegas. Este está sendo un dos invernos máis secos dos últimos cincuenta anos polo que xa comeza a ser alarmante e, á espera do que poida acontecer na primavera, a falta de chuvias está sendo a día de hoxe unha nova dificultade que suma o sector.
Neste contexto, o presidente Núñez Feijoo fixo onte unhas declaracións onde manifestaba a intención da Xunta de Galiza de “axilizar as axudas aos gandeiros para buscar liquidez”, e de “establecer un mecanismo de coordinación co ministerio” para tal fin. Isto, desde a Federación Rural Galega-FRUGA, parécenos máis unha broma de mal gusto que unha declaración de intencións da Xunta para verdadeiramente axudar aos titulares das explotacións gandeiras.
O Sr. Feijoo debería ter claro que tratar de axilizar as axudas que lle corresponden aos gandeiros é algo que sempre ten que ter en mente, e non só de maneira puntual, é dicir, axilizar as axudas sempre, de oficio. Ademais, estas declaracións chegan nun momento que as demostran valeiras de contido, agora mesmo están cobradas practicamente a totalidade das axudas da PAC 2011 e aínda non se comezaron a tramitar as da PAC 2012. O que esta Xunta debería facer para facer fronte ás perdas económicas provocadas pola seca, é sacar de urxencia unha liña de axudas directas para paliar os seus danos e deixar de “vendernos” como un logro na súa xestión algo que non é tal.
Con respecto á posición que Núñez Feijoo pensa que debe ter a Xunta de Galiza ante o Ministerio de Medio Rural e Mariño, desde a Federación Rural Galega-FRUGA, pensamos que, máis que de coordinarse, debera ser unha postura de negociación en función dos intereses de Galiza e deixar de tratar de ser o “pelota” de entre os presidentes das comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular para así gañar puntos ante o PP madrileño.