FRUGA denuncia a complicidade da Xunta no intento de endebedar máis ás explotacións gandeiras coa excusa da seca

A Xunta, en lugar de aliviar a situación económica derivada pola seca, pretende que subscriban máis créditos coas entidades bancarias

Lugo, 23 de marzo de 2012.- A situación de escaseza de chuvias está provocando importantes perdas económicas ás explotacións gandeiras galegas. Este pasado inverno foi un dos máis secos dos últimos cincuenta anos polo que xa comeza a ser alarmante e, á espera do que poida acontecer nesta primavera que comeza, a falta de chuvias está sendo a día de hoxe unha nova dificultade que suma o sector.
Neste contexto, a Xunta de Galiza opta por establecer estratexias que fuxen do que debería estar facendo tal e como ven demandando a Federación Rural Galega-FRUGA neste momento concreto: establecer unha liña de axudas específicas para paliar os danos da seca.
Alén desta axuda puntual, desde a FRUGA tamén demandamos que o que a Xunta debería facer é tomar conta de como o cambio climático está a afectar a Galiza e establecer un plan estratéxico de infraestructuras básicas para prever situacións coma estas no futuro, xa que todo apunta a que a situación de seca na que nos atopamos neste intre vaise repetir con certa periodicidade. Namentras isto acontece no sector agrario galego, a Sra. Conselleira do Medio Rural e do Mar desaparece e no seu lugar, un dos Directores Xerais, Álvarez Robledo, fai unhas declaracións recentemente que evidencian unha vez máis o que ven sendo a política de brazos cruzados e de mirar cara outro lado que ten a Xunta ante a crise dos sector gandeiro galego afirmando que “en última instancia, se chove na primavera, resolvería as trabas derivadas da seca”.
Por outra banda, continúa insistindo en que se van axilizar o cobro das axuda da Política Agraria Común (PAC), desde a FRUGA non acabamos de entender estas declaracións, máis ben parece que se estiveran delatando, e incluso confesando, parecendo que outros anos non tiveran moito interese en cando se fan efectivos os pagamentos. O Sr. Feijoo debería ter claro que as axudas da PAC correspóndenlles ás explotacións por dereito e que a súa obriga é sempre a de axilizar os
seus trámites.
Por último, co anuncio de poñer a disposición das explotacións agrarias créditos bancarios que a Xunta financiaría total ou parcialmente, desde a FRUGA pensamos que non soluciona absolutamente nada, isto suporía, finalmente para as explotacións mudar unhas datas no calendario a cambio de ter máis débedas, é dicir, en lugar de axudar economicamente contribúe a un maior endebedamento das explotacións.
Temos que lembrar que a Xunta está castigando dobremente ás explotacións gandeiras galegas, por unha parte non establece unha liña de axudas para paliar os danos puntuais a un sector estratéxico para Galiza, tal e como se fai con outros sectores, e por outra banda aplica uns retallamentos que poñen en perigo a súa viabilidade domo poden ser os Plans de Mellora, as axudas ás razas autóctonas en réxime extensivo ou o Contrato de Explotación Sustentable
(C.E.S.)

Desde a FRUGA demandamos ao Presidente da Xunta de Galiza que “se calce as botas” e que goberne, en lugar de botar balóns fóra e de lanzar titulares sen nengún contido na prácita namentras é complice do desmantelamento do sector gandeiro galego. En definitiva que deixe de negociar cos bancos os préstamos para as explotacións agrarias e que se centre en tratar de resolver os problemas do sector agrario.