Criminalización da actividade agraria e a imposición desta ampliación sen a necesaria participación social centran as alegacións presentadas
Lugo, 27 de marzo de 2012.- A finais de Decembro de 2011 a Xunta de Galiza presentou a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galiza e aí deu comezo o debate público do incremento en superficie dunha das
políticas ambientais de maior calado na Galiza.
Desde a Federación Rural Galega-FRUGA este é o primeiro argumento que pensamos que serve para darlle marcha atrás a esta proposta de ampliación; unha normativa debe ser aceptada como algo positivo polo conxunto das zonas afectadas, A presente proposta de ampliación da Rede Natura 2000 non foi consensuada socialmente, nin tan sequera a Xunta de Galiza fixo charlas ou xornadas informativas ao respecto, enterándose os afectados pola prensa unha vez o Conselleiro do Medio Rural presentou no parlamento galego a nova proposta de ampliación da Rede Natura.
De nada serve basear unha normativa ambiental só nas prohibicións, esta debe ir acompañada dunha serie de medidas que impulsen a superficie afectada cara actividades económicas sustentables.
Tamén denunciamos o intento de criminalizar a actividade agraria, algo que é totalmente distorsionado da realidade, xa que agricultura e gandeiría na Galiza son actividades que se atopan en perfecta armonía, podendo asegurar que os espazos naturais, tal e como hoxe os coñecemos, non tería chegado aos nosos días de non ser pola actividade agraria e incluso afirmar que a actividade agraria que se fai na Galiza é a mellor garantía de conservación e protección do noso medio ambiente.
Tampouco se fai referencia na proposta de ampliación á Rede Natura á singularidade da actividade agraria galega como elemento diferenciador e xerador dunha importantísimabiodiversidade agraria, facendo posible que o medio ambiente estea moito menos afectado que noutras zonas. É responsabilidade de todos e todas, e en especial das administracións, tomar medidas que permitan conservar na medida do posible esa situación privilexiada.
O Plan Director da Rede Natura 2000 de Galiza establece unhas restriccións máis flexibles cando a superficie afectada dun término municipal é maior do 40% do seu territorio. En base a isto, demandamos que, nos concellos onde a superficie afectada quede segundo a proposta de ampliación da Rede Natura, pouco por baixo do 40%, se aumente a superficie proposta nesta ampliación para que quede, finalmente, por riba dese porcentaxe. Esta ampliación non pode traer máis que beneficios. Sirva coma exemplo os concellos de A Fonsagrada e As Nogais, cunha superficie afectada de aprobarse a ampliación da rede natura 2000 de 39,7 e 39,3 % respectivamente.
Deste xeito, evitaríamos que esta ampliación supoña impedimentos para poder facer, por exemplo, instalacións vinculadas á actividade agraria familiar, como poden ser pequenas construccións necesarias para garantir a viabilidade de explotacións gandeiras en réxime extensivo e así non poñer atrancos á viabilidade a que é a principal, e incluso a case única, actividade económica de moitas comarcas galegas.
Podes acceder às alegacións presentadas por FRUGA no seguinte enlace: alegacións_FRUGA_ampl_rede_natura.