A FRUGA oponse ás fumigacións aereas masivas previstas pola xunta para facerlle fronte ao gurgullo do eucalipto

Estas prácticas, ademais de prohibidas por normativas europeas, supoñen un risco mediambiental enorme para amplas zonas do País.

Compostela, martes 10 de abril de 2012. A Xunta de Galiza acaba de anunciar a utilización na presente primavera de fumigacións aéreas con flufenoxuron para facerlle fronte ao gurgullo do eucalipto, a afectación desta actuación acaba de ser posta de relevo polo anuncio tamén realizado polo concello de Melide no que se fala de fumigacións aéreas masivas e obrigatorias, (enlaces aos dous anuncios no documento anexo). Ante esta situación a Federación Rural Galega, FRUGA, quere manifestar o seguinte:

As fumigacións con medios aéreos levan consigo unha serie de problemas asociados, ademais do seu alto custo, como son a deriva, que provoca que o praguicida chegue a centos de metros e incluso quilómetros do lugar de aplicación, o que pode producir a chegada do agrotóxico a espazos naturais, zonas de cultivo, e a perda da certificación ecolóxica das explotacións das proximidades por contaminación polo agrotóxico que non está permitido na regulación da produción ecolóxica. Lembrar, así mesmo, que as fumigacións aéreas quedarán suprimidas nestes casos pola Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para acadar un uso sustentábel dos praguicidas (publicada o 24 de novembro de 2009 no Diario Oficial da Unión europea L 309/71) que establece a súa prohibición cando a loita contra unha praga forestal poda substituírse por outros medios desde terra. Esta normativa debería ser trasposta polos países membros antes do 14 de decembro de 2011.

Respecto do praguicida utilizado, destacar a afectación para a fauna, con especial atención ao seu efecto sobre as abellas, pois o  flufenoxuron é tóxico para as abellas e o tratamento vai ser realizado na época de máxima actividade deste insecto, co que os danos poden ser de grande importancia. Debe terse en conta, así mesmo, que o flufenoxuron é unha substancia que se inclúe dentro da moratoria europea de compostos orgánicos persistentes e que moi probabelmente deixará de estar permitido o seu uso en aplicación da Directiva 91/414/CEE e o Real Decreto 255/2003 sobre agrotóxicos, polo que o principio de precaución debera impedir o seu uso de xeito xeneralizado.

 Así pois dende a FRUGA reclamamos á Xunta de Galiza que de marcha atrás no seu propósito de fumigacións aéreas con flufenoxuron, e que continúe co programa de control biolóxico por medio do parasito natural e específico do gurgullo Anaphes nitens, que ademais de ser un control respectuoso co medio ambiente ten demostrada a súa utilidade no control da praga. Así mesmo reclamamos unha outra política forestal que evite as enormes masas monoespecíficas de eucaliptos e se poña fin a plantación indiscriminada desta especie en calquera lugar do País, aínda non sendo zonas aptas para esa especie. Xa que estas dúas cuestións teñen unha responsabilidade directa na expansión do gurgullo e nas dificultades para o seu control.