Así se decidiu na primeira reunión da Xunta Directiva de FRUGA após a I Asemblea Nacional
Garantese así a participación do sindicalismo agrario nacionalista nun proceso eleitoral que comezará en só uns dias
Escolleuse a Comisión Delegada da Xunta Directiva
Compostela, 16 de abril de 2012. O pasado xoves 12 de abril celebrouse en Lalín a primeira xuntanza da Xunta Directiva elixida na pasada Asemblea Nacional de Silleda. Dous foron os asuntos principais tratados nesta xuntanza.
Por un lado escolleuse, como marcan os estatutos, a Comisión Delegada da Xunta Directiva, encargada de xestionar o día a día da Federación. As persoas nomeadas foron as seguintes: Cargos unipersoais: Xurxo Álvarez: Presidente, Manuel Dacal: Coordenador Executivo e Xosé Manuel Casal: Tesoureiro. Polos sectores: Elías Somoza: Gandería, Roberto Rivas: Viño, Antonio Teiga: Hortofruticultura e Anabel Gulías e Emilio López: Comites de Axuda. Polos locais e as comarcas: Lois Martínez: local de Lugo, Gabriel López: local de Cee e Comunicación, Mar Vila: local de Lalín, Xosé Manuel González: local de Ribadavia, Purificación Caldelas: local de Verín, Jorge Cardoso: comarca do Rosal e Raquel Vizcaia: comarca de Valdeorras. Así mesmo, Manuel Dacal é o responsábel do local de Compostela e Manuel Casal do sector forestal.
Por outra banda, e seguindo a resolución aprobada na I Asemblea Nacional da FRUGA, ratificouse a decisión de presentarmonos ás eleccións aos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas. Para tal fin organizáronse os grupos de traballo específicos para cada D.O. e I.X.P, así como estableceuse a metodoloxía precisa para asumir este importante reto para a FRUGA. Neste momento estamos no proceso de elaboración e presentación das candidaturas, proceso no que dende cada sector e territorio estase a traballar para presentar unhas candidaturas que leven a defensa dos distintos sectores aos seus Consellos Reguladores na liña que a FRUGA defende: un sector agrario galego potente, baseado nas nosas potencialidades e vantaxes comparativas, con modos de produción e manexos que garantan producións de calidade co obxectivo final de acadar un mundo rural vivo e con futuro.
Así mesmo nesta primeira reunión da Xunta Directiva avaliouse tamén a situación actual do sector lácteo galego e as medidas que dende FRUGA iniciaremos para axudar a reverter esta crítica situación. Por último tratouse a participación activa de FRUGA, como un dos colectivos promotores, das Xornadas Por un Medio Rural Galego Vivo que se van celebrar os días 20 e 21 deste mes de abril en Pontevedra e Poio, coa finalidade de constituír unha alianza rural galega que traballe polo futuro do noso rural. Alianza na que xa estamos implicados, ademais de FRUGA, a Organización Galega de Comunidades de Montes, a CIG e ADEGA.