FRUGA alerta da intención de realizar fumigacións aéreas con agrotóxico na comarca da Barbanza

Manuel Castro e Xose Manuel Casal, membros da Xunta Diretiva da FRUGA.

O anuncio da posibilidade de realizar este tipo de fumigacións no concello de Porto do Son puxo en alerta aos apicultores e apicultoras da comarca

Noia, 20 de abril de 2012. No día de hoxe, Xose Manuel Casal, presidente de Montegal e Manuel Castro, os dous membros da Xunta Directiva de FRUGA, celebraron unha rolda de prensa na vila de Noia para dar conta dos riscos que ocasionarían as fumigacións aéreas que contra o gurgullo do eucalipto se intentan desenvolver na comarca da Barbanza.

Sinalaron a perigosidade do produto co que se pretende fumigar por vía aérea, o flufenoxuron, de feito a previsión da UE era que a estas alturas xa estivera prohibido, mais aplicaron un ano de moratoria na súa prohibición, polo que todo parece indicar que as empresas con stocks de este agrotóxico están moi interesadas en colocalo, aínda que sexa a baixo prezo, pois cando remate a moratoria terían que levalo a un xestor autorizado e pagar por elo.

O anuncio da posibilidade de realizar este tipo de fumigacións no concello de Porto do Son puxo en alerta aos apicultores e apicultoras  da comarca, pois hai que lembrar a especial incidencia do flufenoxuron na mortaldade das abellas, especialmente na época primaveral, momento no que a Xunta quere desenvolver as fumigacións.

Así mesmo indicaron que a deriva do insecticida a lugares de cultivo e superficie agraria, así como a rios e cauces de auga, faría que o agrotóxico chegara vía alimentos e vía auga á poboación humana. É por iso que a FRUGA rexeita claramente que a nosa nación, Galiza, sexa o último recuncho europeo onde deitar os stocks deste perigoso veleno.

Por iso demandaron da Xunta de Galiza o abandono das súas intencións de fumigacións aéreas para o control do gurgullo, e a potenciación do loita biolóxica, coa vespa parasitaria do gurgullo, Anaphes nitens, método de control que ten demostrado a súa eficacia nos anos que xa se ten utilizado na Galiza. Así mesmo, amosaron a compresión cara aos propietarios forestais que padecen a praga do gurgullo, pero lles recomendaron que esixan da Xunta a aplicación do control biolóxico nas súas plantacións, por máis eficaz, nada contaminante e que garante que o seus territorios, os seus cultivos e as súas augas non sexan contaminadas.