A Xunta de Galiza dinamita o sector lácteo galego

FRUGA xa ten denunciado este tipo de práticas da empresa que prexudican seriamente ao lector lácteo galego.

A Federación Rural Galega-FRUGA denuncia que a empresa Alimentos Lácteos, soportada economicamente pola propia Xunta, está a ofertar leite á distribución por baixo do prezo de mercado

Lugo, 24 de abril de 2012. En 2009, o grupo Pascual puxo en venda a planta láctea de Outeiro de Rei (Lugo), e aínda que existía unha oferta para a súa compra por parte dun grupo de 23 cooperativas onde había algunha que xa tiña experiencia na transformación de leite, finalmente, e tras a intermediación do por aquel entón conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, a Xunta de Galiza conseguíu apartar do proxecto a boa parte desas cooperativas e deixar ao frente a só cinco, lideradas por A Arzuana, e estreitamente ligadas ao Partido Popular.

Xa naquel momento, a Federación Rural Galega-FRUGA advertíu da dubidosa viabilidade deste proxecto e sinalou que a decisión tomada correspondía, máis que a criterios técnicos e económicos, a intereses partidistas. Pois ben, tres anos despois o resultado non pode ser mais desastroso, segundo datos do Rexistro Mercantil correspondentes ao 2010, fixéronse públicas unhas perdas de Alimentos Lácteos de 3 millóns e medio de euros, contía incluso superior ao seu activo circulante co cal se demostra, primeiramente a inviabilidade e a mala xestión do proxecto, a pesar das cantidades que ten inxectado a propia Consellería do Medio Rural.

A estes antecedentes temos que sumar algo do que a FRUGA ten constancia: a empresa Alimentos Lácteos está a ofertar leite á distribución por baixo do prezo de mercado.

Deste xeito, primeiramente afecta ao prezo que reciben os gandeiros que lle subministran leite á propia empresa e finalmente tamén acaba provocando unha baixada no prezo a recibir polo conxunto dos produtores de leite galegos, xa que as outras empresas lácteas vense na obriga de ter tamén que baixar o prezo á hora de ofertar o seu produto á distribución para poder manterse no mercado. Isto dentro dun contexto de prezos do leite onde os gandeiros da Galiza cobran o leite máis baixo do Estado Español, que á súa vez, é onde máis baixo está na Unión Europea.

Deste xeito, a Xunta de Galiza é responsable, por unha banda, de poñer atrancos para a creación do tan necesario Grupo Lácteo Galego e de dilapidar cartos públicos unha e outra vez nunha empresa de dubidosa viabilidade e por outra banda, a Xunta dado que ten unha decisiva participación en Alimentos Lácteos, é tamén responsable da baixada de prezos que están a sufrir as explotacións de leite galegas.

Todo isto acontece nun contexto onde continúa a forte subida dos custos de producción, e onde o Partido Popular, lonxe de ter intención de amañar a crise do sector lácteo galego aínda baralla tomar medidas que prexudicarían aínda máis ao sector como son as pretensións do Goberno de Mariano Rajoy de boicotear a compra de soia arxentina como represalia á nacionalización de YPF, filial de Repsol, por Arxentina,

Se esta ameaza se leva a cabo, a consecuencia disto na Galiza, onde o 70% da soia destinada ao alimento do gando provén de Arxentina, provocaría, como mínimo, un novo incremento de prezo no penso e incluso podería por en perigo o propio abastecemento de materia prima aos fabricantes de penso