A FRUGA presenta mocións nos Concellos da Costa da Morte en relación coa presunta fraude nas subvencións forestais

Solicita a posición da Cámara Municipal coa veciñanza e o inicio de accións por parte da Goberno da Xunta

Cee, 27 de abril de 2012.-  A Federación Rural Galega está a presentar nos distintos concellos da Costa da Morte unha moción a respecto da presunta fraude detectada en torno á solicitude e concesión de axudas forestais e que está afectar a numerosos veciños e veciñas da Costa da Morte. No texto denunciase a inacción do Goberno malia térselle requerido tanto por parte dos afectados e afectadas como desde o Grupo Parlamentar do BNG unha explicación a respecto do denunciado e a inmediata apertura dunha investigación para que as posíbeis víctimas desta fraude coñezan a sua situación e podan facer valer os seus dereitos. Esta moción xa foi presentada hoxe mesmo nos concellos de Dumbría e Muxía, por ser aqueles nos que hai, a día de hoxe, mais persoas afectadas por esta situación. Ademais desde a FRUGA aproveitamos para denunciar que nestes últimos días numerosas persoas están sendo conducidas a entidades bancarias nas que se terían aberto as contas sen autorización dos seus titulares para o cobro das subvencións, co fin de que asinen un escrito no que din estar conformes coas actuacións e movementos realizados desde esas contas, así como solicitando a súa cancelación. Desde a FRUGA denunciamos a falta de ética, e mesmo se está a estudar a legalidade desta actuación, xa que os directores das entidades que están a realizar esta práctica son loxicamente sabedores, como son e así o teñen recoñecido, de que as contas foron abertas sen a presencia e autorización das persoas que están a denunciar esta trama.