Continuan as accións contra as fumigacións aéreas

O vindeiro domingo, 29 de abril, terá lugar unha concentración no concello de Melide, na Praza do Convento, a partir das 11:00 da mañá.

 Compostela, 27 de abril de 2012.- O pasado 24 de abril a Plataforma contra as Fumigacións presentou ante a Fiscalía de Medio Ambiente unha denuncia coa intención de paralizar o proxecto da Xunta de Galiza e a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) de realizar fumigacións aéreas con flufenoxuron na loita contra o gurgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus). Lembrar que se trata dun produto en período de moratoria que ficará prohibido a finais deste ano. Trátase dunha substancia altamente tóxica e permanente, con importantes efectos nocivos sobre a saúde e o medio.

Ademais, a Plataforma desenvolverá un acto reivindicativo na localidade de Melide este domingo, 29 de abril, a partir das 11:00 horas desde a Praza do Convento. FRUGA participará activamente neste acto e convida a que se una a maior cantidade de xente posíbel. Realizarase a lectura do manifesto elaborado polas organizacións integradas na Plataforma e procederase ao reparto do mesmo durante o transcurso da feira e da foliada. Máis información aquí: http://fumigacionsnon.org/calendario-de-accions/