Presentadas en Lugo as primeiras candidaturas da FRUGA aos Consellos Reguladores

Presentación das candidaturas en Lugo.

Trátase dos primeiros comicios nos que participará a nosa Organización.

Os membros do Consello Regulador de “Terneira Galega” impiden a celebración de eleccións libres para a renovación do propio órgano impugnando a lista da FRUGA

Con esta impugnación en “Terneira Galega”, téntase despexar o camiño para que se repartan os asentos do consello regulador e que tampouco haxa eleccións desta vez.

Lugo, 4 de maio de 2012.–  En febreiro deste ano, publicouse a convocatoria de eleccións para o mes de xuño de 2012 para a renovación dos órganos de dirección dos consellos reguladores de ámbito agroalimentario de Galiza. A Federación Rural Galega-FRUGA, como organización constituída para a defensa dos sectores productivos agrarios galegos, presentou en prazo e forma as súas propias candidaturas nos consellos reguladores máis representativos do País.

Así na xornada do xoves presentáronse en Lugo as candidaturas aos Consellos reguladores de Terneira Galega, Ribeira Sacra, e o CRAEGA, tanto nos sector vexetal como no animal. Da mesma maneira FRUGA participa na candidatura ao Consello Regulador da Ribeira Sacra. A Candidatura ao CRAEGA conta, para o sector productor agrícola, con Maria Cristina Carballais Rosende (A Estrada), Xose Antonio Teiga Pensado (Negreira) e Miguel Maneiro Fraga (Cambados) como titulares, e Iago Garrido Pascual (Cenlle) e David Asper Cereixo (Chantada) como suplentes. No sector productor gandeiro encabeza a lista Pilar Vispo Rodríguez (Vila de Cruces), seguida de Xosé Regueiro Yañez (Lugo) e Xose Inocencio Figueiro Lourenzana, (Chantada) sendo suplentes Xosé Antonio Dacuña Sousa (Lobios) e Fernando Bouzas Ventín (Rois) 

Impuganación en “Terneira Galega”

A FRUGA presentou tamén a sua candidatura ao Consello Regulador de “Tenreira Galega”. Estas lista está encabezada por Manuel Nuñez Monxardin, (A Fonsagrada), seguido de Xosé Díaz Losada (O Corgo), Maria Cambeiro Lado (Dumbria) e Xoan Xosé Yañez López (Lancara), sendo os suplentes Rocio González Pérez (Gondomar) e Miguel Blanco Pérez (S. Xoan do Rio).

Contra do que era de esperar, os membros do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida “Terneira Galega” (TG), veñen de acordar o veto, á candidatura que a FRUGA presentou no censo de gandarías incluído no sector produtor. Todo isto baixo argumentacións moi pouco obxectivas, xa que fan referencia a cuestións ás que nen sequera se fan referencia nas propias bases da convocatoria de eleccións.

Temos que lembrar que o consello regulador de TG está formado por 14 membros, repartidos entre representantes do sector industrial (matadoiros, salas de despezamento e tamén maioristas e retallistas) e representantes do sector productor, entre os que se inclúe o censo de gandarías, que é o único dos censos de TG ao que a FRUGA presentou candidatura.

Por outra banda, o artigo 8 da orde que regula a propia convocatoria de eleccións contempla que “se a totalidade das candidaturas correspondentes a un censo chegaran a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo, e os candidatos propostos serán proclamados candidatos pola Xunta Electoral”, é dicir, que a presencia da FRUGA, impediría que se repartiran as prazas correspondentes ao censo de ganderías entre o Sindicato Labrego Galego-COAG, Unións Agrarias-UPA e Xóvenes Agricultores-ASAJA e, deste xeito, obrigaría a celebrar eleccións libres.

Desta maneira, prívaselle aos titulares das en torno de 7000 explotacións inscritas en TG, primeiramente do debate necesario en todo proceso electoral e posteriormente de exercer o seu dereito ao voto, polo tanto, pensamos que de non prosperar o recurso que a FRUGA vai presentar e finalmente a nosa candidatura resulta impugnada, este proceso electoral non vai ter lexitimidade algunha, xa que se convertiría nun proceso de dubidosa legalidade.

Desde a FRUGA insistimos na postura de que a nosa candidatura cumpre coas esixencias legais establecidas nas bases da convocatoria de eleccións e que a falta de contido na impugnación corresponde a criterios pouco obxectivos. Intencións que responden aos intereses dos diferente axentes que teñen responsabilidades no consello regulador de TG, en especial dos sindicatos agrarios que actualmente teñen representación e dos matadoiros, en manter o “status quo” sen ter que someterse, outra convocatoria de eleccións máis, á vontade dos propios gandeiros inscritos a TG.

Por todo o anterior a FRUGA mantén a firme determinación de chegar ata as últimas consecuencias na defensa dos intereses dos gandeiros e gandeiras inscritas en TG defendendo unha candidatura que é garantía de que non se amañen as eleccións a TG.