A FRUGA concéntrase diante da Xunta para denunciar o veto ás nosas candidaturas no proceso de renovación dos Consellos Reguladores

No trascurso da protesta solicitouse no Rexistro da Xunta unha entrevista co Presidente da Xunta Electoral para coñecer de primeira mao o motivo da nosa exclusión
Nas portas da Xunta os candidatos e candidatas excluídos amosaron a súa indignación con unha decisión que pon en cuestión todo o proceso electoral

Compostela, 23 de maio de 2012.- O pasado dia 28 de febreiro, a Consellería do Medio Rural e do Mar, publicou a Orde de 22 de febreiro de 2012 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.
A Federación Rural Galega – FRUGA, Organización na que se inscriben distintas asociacións profesionais do ámbito da actividade agraria, gandeira e do monte, constituída para a defensa dos sectores produtivos agrarios galegos, presentou as súas candidaturas, en prazo e forma, nos consellos reguladores mais representativos do País, baixo a formula de asociacións profesionais e nalgúns casos reforzada esta coa presentación de avais.

O dia 15 de maio tivo lugar a proclamación definitiva das candidaturas por parte daXunta Electoral. Sorprendentemente comprobamos que a Xunta Electoral decide impedir que as candidaturas de FRUGA, presentadas perante os consellos reguladores de “Ternera Gallega”, “Pataca de Galicia” e “Agricultura Ecolóxica de Galicia” participen nas eleccións.

Sen comunicación oficial.
A día de hoxe ningunha das persoas que representan as nosas candidaturas teñen recibido comunicación oficial por parte da Xunta Electoral a respecto dos motivos que levaron a ese organismo a adoptar a decisión de non proclamar as candidaturas presentadas polas nosas asociacións profesionais.
Os motivos aducidos polo consello regulador de “Ternera Gallega” para non proclamar a candidatura da Asociación de Gandeiros de Bovino “Roi Xordo” – FRUGA son alleos á interpretación da normativa electoral, mesmo fundamentados en motivos alleos aos á lexislación electoral xeral.
No que ten a ver coas dúas candidaturas presentadas ao CRAEGA, os motivos para a non proclamación destas son simplemente formais e teñen carácter subsanábel.
Mas o caso mais chamativo é o da candidatura que se presentou en “Pataca de Galicia”, xa  que inicialmente foi proclamada polo pleno do Consello Regulador, en reunión de 02.05.2012 e ratificada en contra das alegacións presentadas, contra a mesma, por parte do Sindicato Labrego Galego – COAG, en reunión celebrada o 09.05.2012, dándose o paradoxo de que agora é chumbada pola Xunta Electoral

Veto en toda regra para impedir a celebración de eleccións.
Impedir que as candidaturas de FRUGA concorran ás eleccións, non podemos mais que consideralo un veto en toda regra. Deste xeito prívaselles a mais de 7000 explotacións inscritas nos distintos consellos reguladores, de dous dereitos fundamentais; por un lado o dereito a participar no debate, de propostas e alternativas, que todo proceso electoral debe implicar e por outro a exercer o lexítimo dereito a emitir o seu voto.
E isto pode ser así, se o resto das candidaturas chegan a un acordo de se repartir os postos, sen necesidade de se realizar as eleccións, sobre todo nos consellos reguladores onde se vetaron as candidaturas de FRUGA, posibilidade que se recolle no artigo 8 da Orde que regula a convocatoria das eleccións.
Estos son os motivos que levan á FRUGA a solicitar unha entrevista co Presidente da Xunta Electoral para a renovación dos órganos dos consellos regualdores do ámbito agroalimentar , ao obxecto de abordar as motivacións legais e oficiais que levaron a impedir a participación das nosas candidaturas do proceso electoral, e ver como se pode superar a situación xerada.